O apartado correspondente ao Concello de San Sadurniño dentro da Plataforma de Contratación do Estado ten publicada desde o pasado 25 de agosto a licitación dun proxecto de mellora de varias pistas municipais distribuídas polas parroquias de Naraío e Igrexafeita. O prazo de presentación de ofertas remata este xoves día 14, ás 23:59h.
Son seis camiños que suman en conxunto case 3,3 quilómetros e que en todos os casos son vías de acceso principal a vivendas. As obras consistirán, a grandes trazos, na limpeza en profundidade das cunetas e na reposición do firme con asfalto. O prezo base da licitación ascende a 74.742,84 euros e as empresas interesadas en presentar ofertas teñen até as 23:59h deste xoves 14 de setembro.
Todas as actuacións que se van levar a cabo concéntranse na banda sur do val do río Castro e na súa maioría en puntos da zona máis elevada do concello. Ademais, agás unha, trátase de arranxos en pistas de conexión con eixos interiores principais que lle dán servizo a vivendas ou pequenos grupos de vivendas relativamente afastados, como ocorre co acceso ao Lugar do Monte, que dista 870 metros da estrada entre Quintiá e o desvío da Grúa, ou co camiño do Pousadoiro, de 1,3 quilómetros, o único para chegar a este núcleo desde a Abelleira.
Na mesma zona tamén se reparará un tramo seriamente danado do camiño de Racamonde de Abaixo -300 metros- e, completando o paquete previsto en Naraío, outros 90 metros dunha das pistas interiores de Lourido. Cómpre lembrar, ademais, que neste momento se encontra en fase de avaliación de ofertas outro proxecto valorado en 88.000 euros para aglomerar o tramo A Grúa-A Abelleira e asfaltar desde este último punto até Racamonde.
Máis ao leste, en Igrexafeita, está previsto arranxar 730 metros do camiño que sobe a Solposto, comezando preto do panel informativo da área recreativa do Pozo de Lamas e rematando algo máis arriba da única vivenda habitada que se atopa antes de seguir camiño cara aos Miguelares.
O Concello agrupou todas estas obras nun mesmo proxecto por razóns de proximidade xeográfica, pola tipoloxía dos camiños, cun ancho de entre 3 e 3,5 metros, e porque todos presentan un grado de deterioramento similar. Por este motivo, en primeiro lugar, efectuarase unha limpeza en profundidade das cunetas e do actual firme. Logo taparanse baches e, por último, botarase unha nova capa de asfalto.
O orzamento total é de 74.742,84 euros, IVE incluído, cuxo importe se financiará con fondos provinciais do POS+. O prazo máximo de execución das obras estableceuse na licitación en 4 meses. O factor prezo -sempre de acordo coas especificacións técnicas do proxecto- será o que maior puntuación outorgue, aínda que tamén se aplicarán criterios de tipo social (ata 28 puntos) como a contratación de persoas desempregadas, que a empresa conte con plan de igualdade ou a proporción de mulleres no seu cadro de persoal.
Toda a información sobre o procedemento de contratación pode atoparse nesta ligazón.