A catro días do comezo do curso, o transporte do alumnado de Bacharelato de San Sadurniño, Moeche e Doso segue sen solución definitiva

Representantes dos gobernos de San Sadurniño, Moeche e Narón reuníronse na Coruña coa xefa territorial da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, Judit Fontela, para tentar arrancar un compromiso por parte da Xunta de darlle solución ao transporte do alumnado de Bacharelato que acode ao IES Fernando Esquío de Neda, así como a outros centros de ensinanzas postobrigatorias de Narón e Ferrol

O encontro, que se produce a cinco días do inicio do curso, non supuxo grandes avances con respecto á situación «provisional» que se vén mantendo desde o ano pasado, a pesar das reiteradas peticións dos concellos e das familias dalgunha opción axeitada para a rapazada, que nalgúns casos debe percorrer 13 quilómetros para coller un bus compartido co alumnado do ensino obrigatorio. 

Así as cousas, segundo comentou á saída da reunión a concelleira de Benestar de San Sadurniño, Mari Carme Muíño, portavoz nesta ocasión dos tres municipios, a Xunta de Galicia «móstrase reacia a modificar horarios e percorridos» das liñas regulares «que poderían cubrir as necesidades das mozas e mozos e das familias».

Ademais, no caso de aceptar algún cambio, a consellaría «esixe que os concellos asumamos os custes, descargando en nós a responsabilidade dunha solución que é de competencia autonómica, non municipal».

Os responsables municipais de San Sadurniño, Moeche e Narón acudiron á xuntanza, solicitada de novo a semana pasada pola alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, demandando unha combinación de transporte «de mínimos» consistente en axustar os horarios da liña Burela-Ferrol de primeira hora da mañá que pasa por Moeche, San Sadurniño e Doso, ademais de ampliar o transporte que sae desde Bouzarredonda para que comece na Pena da Meda, en Igrexafeita, e que veña vindo abaixo recollendo todo o alumnado tanto desa parroquia como da de Naraío e a Coveluda.

Neste último caso aínda habería outra opción máis: adiantar a saída do bus Vilalba-Ferrol e que esta liña regular faga o percorrido pola estrada vella das Pontes, onde están as paradas- en vez de ir pola AG-64. Deste modo, ademais de solventar unha parte importante do transporte ao IES Fernando Esquío de Neda o de referencia para o alumnado de Bacharelato de Moeche, San Sadurniño e Doso, tamén se lle estaría dándo unha solución a aquelas mozas e mozos da zona que estudan ciclos formativos, ou Bacharelato, noutros centros de ensino de Narón ou Ferrol «e cuxo transporte se está facendo nun microbús pagado polas súas familias».

Mari Carme Muíño asegura que desde a Xefatura territorial da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade se mostrou «certa vontade» de revisar as posibles combinacións e horarios, aínda que sen dar por seguro que vaia haber modificacións. «Mobilidade veu dicirnos que o transporte da mocidade sempre fora así, que era un problema que vén de vello». «Ademais os responsables da Xunta incidiron en que a Formación profesional e o Bacharelato non son obrigatorios, polo que consideran que non existe obriga de darlle resposta ás necesidades deste alumnado», resume Muíño.

A concelleira engade que os tres concellos afectados, San Sadurniño, Moeche e Narón, insistiron na reunión en que «a mocidade das zonas rurais debe ter as mesmas opcións de mobilidade que a das cidades e áreas metropolitanas. Non é cuestión de se se trata de ensino obrigatorio ou non, senón de xustiza social e de igualdade de dereitos»

Mari Carme Muíño asegura que a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade «tamén se escuda no argumento de que as variacións de horarios e paradas das liñas regulares Burela-Ferrol e Vilalba-Ferrol, segundo nos dixeron, suporía prexuízos para as viaxeiras e viaxeiros doutros territorios».

«Iso si -prosegue a concelleira- propuxéronnos como alternativa que nos incorporemos a un programa mediante o cal os concellos asumirían os custes das liñas que fosen necesarias mentres que a Xunta se faría cargo do prezo do billete. É dicir, pretenden descargar en nós, nos municipios pequenos e con menos recursos, tanto a responsabilidade do transporte da mocidade como a maior parte dos seus custes».

Neste sentido, segundo comentou a portavoz dos municipios afectados «esta é a maneira coa que Mobilidade pretende arranxar o problema do transporte, facéndonolo pagar aos concellos. Debemos ter en conta que o ensino, sexa obrigatorio ou non, é unha competencia da Xunta, igual que a configuración das liñas de autobús. Polo tanto é a Xunta quen debe facilitar os medios para que a mocidade poida ir estudar a Neda, Ferrol ou Narón»

A cinco días para que comece o curso nos estudos postobrigatorios, o transporte para o alumnado de Moeche, San Sadurniño e Doso segue na mesma situación que hai un ano, cando se adoptou como medida «provisional» que utilizasen o autobús da ESO (que si dispón de transporte) con destino ao IES Fernando Esquío de Neda. Unha solución que non cobre as necesidades do resto do estudantado e que, ademais, lle supón un importante esforzo ás familias das zonas máis alonxadas, nalgúns casos ata 13 quilómetros, que se ven na obriga de levar os mozos até Bouzarredonda ou directamente ao instituto.

Desde os concellos agárdase «que a Xunta reaccione con celeridade despois de tanto tempo con este problema e de varias solicitudes feitas polos concellos en nome das familias». Tamén piden «unha solución verdadeiramente definitiva» por parte da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade «que remate coa discriminación que sofren as nosas rapazas e rapaces por vivir no rural. Elas e eles teñen os mesmos dereitos e deben ter as mesmas oportunidades que as das vilas e cidades, onde o transporte non é un problema».

Lea también

As Somozas, galardoada con tres Flores de Honra no certame ‘Vilas en Flor Galicia’

O Concello das Somozas conseguiu, por segundo ano consecutivo, tres ‘Flores de Honra’ na súa …