Visitas en Narón ao tanque de tormentas das Aceas e espectáculo para bebés

O Concello de Narón programou, a través do Servizo de Normalización Lingüística, varias actividades enmarcadas no proxecto Guizo e no programa Apego, de socialización de nenos en galego.

Así o indicou a concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, avanzando que a primeira das propostas, unha visita ao tanque de tormentas das Aceas, será o 16 de setembro, no marco da Semana da Mobilidade.

O vindeiro luns, día 11 ás 10.00 horas, abrirase o prazo de inscrición nesta convocatoria, que consistirá nunha saída en bicicleta dende o parque de Freixeiro ata o paseo de Xuvia, con parada no tanque de tormentas e noutros puntos da senda, para regresar de novo ao parque de Freixeiro.

A actividade comezará ás 11.00 horas e prolongarase aproximadamente ata as 13.00 e diríxese a nenos de 6 a 12 anos e as súas familias.

Poderán asistir un máximo de 15 menores que deberán ir acompañados por unha persoa adulta. A iniciativa é de balde e as persoas interesadas poden inscribirse a través do correo: a.pita@naron.gal, debendo indicar o nome da actividade, o nome, idade e DNI do menor e o nome e DNI da persoa adulta que o acompañará e tamén indicar un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.

A participación será por estrita orde de inscrición e o prazo para anotarse rematará o 22 de setembro ás 12.00 horas.

Outra das propostas para este mes de setembro é o espectáculo de narración oral para bebés “Toin Toin” de Raquel Queizás, programado a través de Apego para o día 20 ás 17.00 horas no centro cívico social de San Xiao. A cita dará comezo ás 17.00 horas e terá unha duración aproximada de media hora.

Esta proposta está recomendada para menores de 1 a 4 anos e as súas familias, ofertándose 25 prazas para nenos, que terán que estar acompañados dunha persoa adulta.

“Toin Toin” é un espectáculo de contos con monicreques de mesa acompañado de instrumentos musicais sinxelos para gozo dos máis pequenos da casa e das súas nais e pais. As inscricións neste caso xa se poden tramitar, a través do correo anteriormente citado a.pita@naron.gal e facilitando os datos da actividade, participantes e enderezo electrónico e teléfono de contacto.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …