As Pontes prepárase para a VIII edición de «Cita coa Historia»

O municipio das Pontes prepárase para celebrar, a próxima fin de semana, a VIII edición de “Cita coa Historia», un evento organizado polo Concello, en colaboración coa asociación veciñal Lembranza da Vila.

Durante os días 15, 16 e 17 da setembro as rúas do casco histórico das Pontes retrocederán no tempo para acoller distintas actividades coas que se busca afondar nos xeitos de vida na localidade durante período galaico romano.

En palabras da concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, “Nesta oitava edición volvemos a apostar pola divulgación do noso patrimonio histórico e cultural, a través de diferentes propostas que inclúen obradoiros de recreación histórica, xogos, demostracións de artesanía así como espectáculos musicais e de cetrería para, dun xeito lúdico e didáctico, achegar á poboación pontesa ás orixes do noso municipio”.

As actividades arrancarán, o venres, 14 de setembro, ás 17:00 horas coa apertura do mercado e a rúa dos oficios para dar paso a un obradoiro guiado sobre forxa antiga e traballo do metal e á visita guiada ao Museo Etnográfico Monte Caxado. Tras o pregón, que terá lugar ás 20:30 horas, na Praza da Igrexa e que correrá a cargo do veciño José Miguel Varela Lamigueiro, haberá un pasacalle a cargo do grupo local de música tradicional Os Feroces
da Galgueira.

O sábado, ás 11:30 horas, procederase á apertura do mercado e da rúa dos oficios que sinalará o inicio dunha xornada pensada para todos os públicos e que comezará cun obradoiro de torneado e talla en madeira e un obradoiro guiado sobre o arte da cetrería. As 12:00 horas comezará o concurso de caracterización, un obradoiro guiado sobre técnicas de pintura mural romana, haberá un pasacalle a cargo do grupo local Canavella e o público que o desexe poderá gozar dunha visita guiada ao Museo Etnográfico Monte Caxado.

A asociación Lucius Spiculus Divulgación achegará ao público, a partir das 12:30 horas, á orixe da gladiatura e dos gladiadores e a xornada da mañá rematará cunha exhibición cetrería. Xa durante a tarde, a partir das 16:00 horas, abrirase unha ludoteca infantil, asentada no antigo cemiterio da vila, onde a rapazada poderá gozar con xogos de época, xogos tradicionais e xogos xigantes. Ás 16:30 horas comezará un obradoiro infantil de deseño de colares galaicos e ás 17:00 horas abrirá o mercado e a rúa dos oficios e volverá o concurso de caracterización. A partir das 17:30 horas haberá obradoiros guiados de xoiería e fabricación de pezas de metal, un obradoiro sobre cetrería e, ás 18:30 horas, a asociación Lucius Spiculus Divulgación amosará ao público a preparación e loita de gladiadores.

A xornada da tarde continuará ás 19:00 horas cun teatro de marionetas e unha exhibición de cetrería que dará paso ás 20:00 horas a un obradoiro guiado sobre forxa antiga e traballo de metal. A partir das 20:30 horas será a quenda para a música cun pasacalle a cargo do grupo No Cómbaro e un concerto, ao carón do río Eume, de música folk da man de Norteños do Sur e Amilicia Bravú.

O domingo continuará a Cita coa Historia, a partir das 11:00 horas, coa apertura do mercado e a rúa dos oficios e o desfile das guerreiras de Lucus Icenas Miliatore que, a partir das 12.00 horas, representarán a obra A historia de Boudica. As actividades continuarán co concurso de caracterización, un obradoiro guiado de forxa antiga, un obradoiro infantil de pinturas de guerra, unha visita guiada ao Museo Etnográfico Monte Caxado e un novo obradoiro guiado de cetrería. A xornada da mañá rematará cun pasacalle a cargo do grupo local Os Trevillas.

Pola tarde, ás 16:00 horas, abrirá a ludoceta infantil e ás 17:00 horas abrirá o mercado e a rúa de oficios para dar paso a un obradoiro sobre torneado de talla e madeira e a un obradoiro sobre xoiería. Ás 17:30 horas volverán ás rúas da vila as guerreiras de Lucus Icenas Miliatore para representar, ás 18:00 horas, A Coroación de Boudica. A partir das 18:30 horas, o público poderá gozar co pasacalle de Os Trevillas, cunha visita guiada ao Museo Etnográfico Montes Caxado e cun obradoiro sobre técnicas de pintura mural romana e un espectáculo de cetrería. A oitava edición da Cita co Historia concluirá, ás 20:00 horas, coa entrega de premios do concurso de caracterización.

PROGRAMA:http://citacoahistoriaaspontes.com/gl/programa/

Lea también

Accidente de tráfico na AG-64, no concello de San Sadurniño

Los bomberos del parque Provincial de As Pontes fueron alertados este miércoles de un accidente …