Quenta motores en San Sadurniño o «Chanfaina Lab 2023-VIII Encontro de Cineastas»

Esta fin de semana do 1 ao 3 de setembro ten lugar a oitava edición do Chanfaina Lab, o encontro de creadores que se xuntan en San Sadurniño para filmar pequenas pezas coas que ofrecer múltiples puntos de vista sobre o municipio.

A organización do evento comezou esta mesma semana a desvelar os nomes de xente da casa e outra “venidera” que conformarán os equipos de gravación. Son preto de medio cento de persoas entre quen contan con certa experiencia, quen non teñen ningunha e quen gozan de reputación dentro do sector audiovisual galego e estatal.

Ademais de polas pezas que se van producir e que se estrearán en febreiro, o 8º Chanfaina lab tamén estará protagonizado polo pioneiro do cine galego José Gil e pola paisaxe do Forgoselo que inspira o cartel desta edición, deseñado por Juanlu Nacha

Quen confirmaron a súa participación na presente edición do Chanfaina son os locais Ángela Arnosa, Bieito Beceiro, Soraya Yáñez, Fran Bermúdez, Kevin Lorenzo, Iago Lourido, Pablo Martínez, Catalina Rodríguez, Abel Vega, o tándem formado por Víctor Rico e Xosé Manuel Rabón e os grupos NaraíoMedia, Sansadurnenas, The Sun Girls e Teño unha horta.

Canda elas e eles atopamos realizadoras e realizadores de renome ou con grande proxección como  Juan Galiñanes, Félix Brisel, Ignacio Vilar, Tono Mejuto, Manolo Gómez, Francisco J. Cela, Candela Conde, Nela Fraga, Diana Gonçalves, Mirian Opazo, Adriana Páramo, Xoán R. Caridad, Miguel A. Romero, Cristina Souto, Aroa Calvo e os colectivos Memoria e cinema e Meu.

A súa misión será gravar durante a fin de semana unha película (algúns equipos precisarán máis días) con absoluta liberdade sobre o tema e o tratamento visual, e coa única condición de que a filmación se leve a cabo sen saír das fronteiras do noso concello.

O encontro deste ano arrancará no serán do venres 1 de setembro ás 20:00h coa Eira de Cineastas, na que os e as participantes convidadas fan unha pequena presentación do seu traballo, así como das intencións narrativas coas que se achegarán á realidade local.

sábado 2 de setembro, día en que os equipos se centrarán na produción das súas curtas, o programa recolle ás 12:00h o espectáculo infantil  “Cinema de historias da man de Alice Guy”, ofrecido pola narradora Raquel Queizás arredor da figura de Alice Guy-Blaché, considerada a primeira muller que produciu unha película de ficción.

Pola tarde, a partir das 20:00h proxectaranse tamén no auditorio municipal os “Clásicos Chanfaina Lab, A natureza salvaxe de San Sadurniño”, que repasa títulos de anteriores edicións que tiveron a zona do Forgoselo como escenario e/ou protagonista narrativo. De feito, o cartel do Chanfaina deste ano, deseñado polo artista gráfico Juanlu Nacha, inspírase na paisaxe deste enclave, o máis elevado de San Sadurniño e un dos lugares de referencia do Xeoparque do Cabo Ortegal. No día da benvida, o venres pola tarde, as creadoras e creadores asistentes farán unha xeorruta guiada por Fran Canosa.

domingo 3 de setembro, último día de filmación, as actividades paralelas céntranse no fotógrafo e documentalista José Gil, pioneiro do cinema galego. Unha mostra sobre a súa figura -baseada nos estudos efectuados polo profesor Manolo González chegará a San Sadurniño dentro dunha réplica do camión co que Gil percorreu Galicia no primeiro cuarto do século XX filmando e exhibindo as súas películas.

Entre as 10:00 e as 12:00h haberá visitas guiadas pola exposición, ademais dun concerto de homenaxe ao cineasta pontevedrés que terá lugar no adro do Convento do Rosario a partir das 13:00h ofrecido pola Xove banda de música da agrupación Sementeira de Narón.

O Chanfaina Lab é un evento de creación audiovisual promovido polo Concello de San Sadurniño coa colaboración da Deputación da Coruña que botou a andar en 2014 e que só se viu interrompido en 2020 e 2021 por causa da pandemia. Desde aquela producíronse máis de 150 pezas arredor da realidade actual e histórica do municipio, alternadas con ficción e cine experimental.

O encontro de cineastas foi recoñecido en 2022 co premio José Sellier da Academia Galega do Audiovisual por “fomentar a liberdade creativa e favorecer a convivencia, unindo a cineastas de calquera idade, xénero, procedencia ou traxectoria para compartir experiencias arredor da obra cinematográfica. Unha proposta que reinvindica a súa alma rural e o seu espírito comunitario, sendo quen de implicar a veciñas e veciños e de inspirar as vocacións de novas xeracións de cineastas.”

Lea también

MIRALLAS presenta no CIRS de Cervás, Ares «elas pintan moito» no marco do 25N

Este sábado día 23, o grupo MIGALLAS porá en escea o espectáculo “ELAS PINTAN MOITO”; …