Son quince as empresas galegas finalistas da primeira edición dos Premios Benfeito de Consumo. Entre elas algunhas tan coñecidas como Gadis ou Estrella Galicia e outras non tanto como Nosa Enerxía S.C.G ou Addomo Arquitectura Modular.
Estes galardóns promovidos pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) buscan recoñecer a excelencia empresarial, así como a diversidade e a innovación que caracteriza ás empresas galegas. As categorías abranguen Produtos Alimenticios, Produtos Non Alimenticios e Servizos, ofrecendo un recoñecemento amplo e diverso do tecido empresarial galego. A Unión de Consumidores de Galicia é unha organización sen ánimo de lucro dedicada a defender os dereitos das persoas consumidoras e usuarias de Galicia. Traballa para promover un consumo responsable e sustentable, e para fomentar un diálogo e colaboración recíprocos entre empresas e consumidores.
As empresas que chegaron á final demostran o alto nivel de compromiso e calidade que se pode atopar en Galicia. Na categoría de Servizos as finalistas son Naviera Mar de Ons, Caixa Rural Galega, Be One Ximnasios, Pousadas de Compostela e Nosa Enerxía S.C.G.
A Naviera Mar de Ons destaca polo seu compromiso co transporte marítimo sustentable, conectando as Rías Baixas coas illas Cíes e Ons. No que respecta ao ámbito bancario, Caixa Rural Galega destaca pola súa proximidade coa cidadanía ao ofrecer servizos financeiros centrados nas persoas. Pola súa banda, Be One, promove un estilo de vida saudable e inclusivo esforzándose por adaptarse ás necesidades de todos os públicos. Ligada ao turismo, Pousadas de Compostela ofrece estancias con encanto apostando polo turismo de calidade. E a cooperativa Nosa Enerxía fomenta o uso de enerxías renovables proporcionando un servizo de calidade a un prezo xusto.
As finalistas na categoría de Produtos No Alimentarios son Automóviles Louzao, Jesús Babío, Adolfo Domínguez, Droguerías Arenal e Addomo Arquitectura Modular.
Automóviles Louzao é unha empresa líder en vehículos de alta gama que ofrece solucións de mobilidade adaptadas ás novas tendencias. Máis de 30 anos de experiencia avalan a Jesús Babío, un referente en mobiliario e decoración. Dentro do sector téxtil, Adolfo Domínguez, toda unha icona da moda galega que destaca pola súa elegancia e compromiso coa sostibilidade. Droguerías Arenal a coñecida marca lucense referente na venda de produtos de perfumería, cosmética e parafarmacia que se mantén na vangarda da innovación. E no eido da arquitectura, Addomo Arquitectura Modular busca democratizar a arquitectura facendo da vivenda un ben de consumo accesible.
E na categoría de Produtos Alimentarios: Gadis, CLUN, Pescados Rubén, Estrella Galicia e Aceites Abril.
Gadis é unha das principais cadeas de supermercados en Galicia que destaca polo seu carácter próximo e familiar e ampla variedade de produto galego. Pola súa banda CLUN é unha cooperativa líder no sector lácteo comprometida coa calidade e orixe dos seus produtos. Máis de tres décadas de historia atesoura Pescados Rubén, empresa do sector da pesca que garante sempre unha excelente relación calidade/prezo. O compromiso co medio ambiente e a innovación de Estrella Galicia son parte da súa cultura empresarial, así como o compromiso con Galicia e o deporte. Por último, Aceites Abril que leva varios anos traballando na elaboración dun aceite de oliva 100% galego e que é unha das empresas de referencia na produción, refinado, envasado, comercialización e exportación de aceite de oliva.
Votacións abertas ata o 13 de setembro
A UCGAL convida a todas as persoas consumidoras de Galicia a participar no proceso de votación, co fin de garantir que os Premios Benfeito de Consumo reflictan verdadeiramente as opinións e experiencias das persoas consumidoras e usuarias galegas.
Dende a apertura das votacións o pasado mes de xullo, case 900 persoas xa fixeron oír a súa voz participando no proceso. A UCGAL quere lembrar que as votacións estarán abertas ata o próximo 13 de setembro. “É fundamental que a cidadanía participe activamente, xa que son eles e elas as que deciden que empresas merecen ser destacadas polo seu compromiso coas persoas consumidoras na nosa comunidade”, explica o secretario xeral da UCGAL, Miguel López Crespo. Desde a entidade agradecen a alta participación e boa acollida desta iniciativa: “É alentador ver como, en poucas semanas, os galegos e galegas mostran o seu compromiso coas empresas galegas, participando activamente nos Premios Benfeito de Consumo”, engade López Crespo.
Entre todas as persoas que participen no proceso de votación e completen a enquisa, sortearanse dúas cestas de produtos galegos valoradas en 100 € cada unha. Para participar, só teñen que entrar na ligazón (https://es.surveymonkey.com/
Para máis detalles sobre os Premios Benfeito de Consumo ou calquera consulta, poden visitar a web: www.consumidores.gal ou contactar coa Unión de Consumidores de Galicia no 981 56 64 11.