O Concello de San Sadurniño destina 25.000 euros a bolsas escolares

O Boletín Oficial da Provincia do venres 25 de agosto publica o extracto da convocatoria de axudas para gastos relacionados co estudo do alumnado de San Sadurniño para o curso 2023-2024.

As bolsas escolares contan cun orzamento global de 25.000 euros destinados a colaborar coas familias con rapazada e mocidade que curse estudos obrigatorios e postobrigatorios, ademais de reservarse unha partida para 2º de Educación Infantil. 

Os importes e os criterios para acceder ás bolsas non varían con respecto ao ano pasado, manténdose os umbrais de renda para que as axudas cheguen a máis persoas.  Ademais, a convocatoria volve facerse a finais do verán, co obxectivo de que poida resolverse ao longo do primeiro trimestre do curso por ser o momento en que as nais e pais deben soportar maiores gastos. As solicitudes poden facerse presencialmente na Casa do Concello, por correo postal ou por vía electrónica ata o día 30 de setembro. 

Este ano o Concello introduce como única novidade a dotación económica da que disporá cada unha das tres liñas. Neste sentido mantéñense as cantidades para estudos obrigatorios, 10.750€, e para 2º de Educación Infantil, 1.500€, e elévase até os 12.350 euros o importe que se distribuirá entre o alumnado de estudos postobrigatorios.

Os 400 euros restantes até completar o orzamento total destinaranse a atender posibles casos específicos que malia non cumprir documentalmente cos requisitos, si teñan dereito ás axudas por causa da súa realidade familiar, previo informe dos Servizos sociais e da área de Igualdade. Cómpre ter en conta, ademais, que as familias con menos recursos están cubertas en canto a gastos de escolarización por medio da partida reservada nos orzamentos municipais para casos de emerxencia social.

As contías máximas por solicitude de cada tipo de axuda son as mesmas que o ano pasado: ata 100 euros para 2º de Educación Infantil, 200 euros de tope por alumno en estudos obrigatorios e ata 800 se a axuda é para estudos postobrigatorios. Esta última asignarase mediante unha fórmula que ten en conta o expediente académico e a situación económica.

Para percibir as bolsas, as rendas da unidade familiar non deberán superar os 12.000 euros no caso de 2º de Educación Infantil e os 25.000 euros nas bolsas de estudos postobrigatorios. A achega para a formación obrigatoria, Educación Primaria e ESO, segue vinculada co cheque para material que outorga a Xunta, de maneira que non está suxeita a xustificación perante o Concello de niveis de renda.  Dito doutro modo, para obter a bolsa municipal de ata 200 euros (a contía final dependerá do número de solicitudes) abondará con presentar a documentación esixida nas bases acompañada da certificación conforme a nena ou neno é beneficiario do cheque autonómico.

O CPI San Sadurniño pasaralle ao Concello o listado de alumnado con cheque, de maneira que non será necesario presentar o certificado.  Se se trata de rapazada de San Sadurniño que, por proximidade xeográfica, estude noutro colexio público da nosa zona, como pode ser o CEIP San Ramón de Moeche ou o Mosteiro de Caaveiro da Capela, as familias deberán solicitar a certificación na secretaría do centro.

Por outra banda, as bases das bolsas escolares tamén establecen que o Concello poderá mover as cantidades sobrantes dunha liña que non se asignase na súa totalidade cara a outra na que haxa máis peticións que orzamento dispoñible. «O orzamento dedicado a bolsas escolares calculouse a principios de ano tomando como referencia as solicitudes recibidas en 2022 e as previsións de matrícula para o curso 2023-24. Con eses datos na man optamos por incrementar a partida dos estudos postobrigatorios, que ía moi xusta, e reducir a reserva para casos de emerxencia social, posto que a atención ás familias con rendas mínimas xa ten un apartado específico no orzamento municipal», explica Secundino García.

As axudas poderán solicitarse ata o 30 de setembro, co obxectivo de que poidan resolverse e estar ingresadas no primeiro trimestre do curso, coincidindo co intre en que as familias deben facer un maior esforzo económico.

O trámite pode facerse a través da Sede electrónica municipal  ou presencialmente no Concello en horario de mañá. De acordo coa normativa, incluso se podería enviar a documentación requirida por correo postal.

Documentación descargable:

Bases da convocatoria (presentación ata o 30 de setembro)
Anexo I – Solicitude Ed. Infantil: Modelo .DOC / Modelo .PDF
Anexo II – Solicitude Estudos Obrigatorios: Modelo .DOC / Modelo .PDF
Anexo III – Solicitude Estudos Postobrigatorios: Modelo .DOC / Modelo . PDF

 

Lea también

Ares acoge este sábado 12 una jornada de degustación de productos de la ría de Ferrol

La atividad, organizada por la Cofradía de Pescadores de Ferrol, tendrá lugar de 12:00 a …