Este sábado 19 e o día grande do Irmandiño, o castelo de Moeche estará aberto de balde desde as 11:00h, ofrecendo a posibilidade de visitar todas as súas estancias e co aliciente engadido da exposición Lost in Woodlands, do fotógrafo mugardés Álvaro Lamas. O propio autor botará parte do día na mostra para contar algo máis da súa inspiración e das motivacións dun proxecto que reflicte a natureza da nosa zona, ademais de explicar as técnicas utilizadas en cada unha das súas espectaculares imaxes.
A partir das 13:30h o movemento trasladarase ao campo do festival, onde se organiza unha pequena sesión vermú con picadiscos que practicamente enlazará co asalto infantil ao castelo. A iso das 16:30h a rapazada revivirá os episodios medievais case coa mesma ansia que os Irmandiños, só que nun tono lúdico e cambiando as armas por globos de auga.
Xusto ao remate da contenda da cativería, ás 18:00h, comezará a competición de xogos tradicionais -tiro á corda, lanzamento de “alpaca”, etc.-, outro dos momentos clásicos do Festival Irmandiño que finalizará dándo o tempo xusto para cear algo, mercar un suadoiro para tornar o fresco e sentar no campo para asistir á primeira parte dos concertos da noite.
O primeiro en actuar, das 21:30h en diante, será o acordeonista pontés Andrés Penabad, seguido do grupo vasco Huntza -23:00h- na que seguramente sexa unha das últimas oportunidades de velo sobre un escenario, despois de que este mesmo ano anunciasen a súa disolución.
O momento culminante da noite volverá ser o asalto ao castelo, previsto para as 00:45 horas, aproximadamente, e precedido do pregón, que este ano será pronunciado polo músico e activista cultural Jasper (nome artístico do estradense Pablo Carracedo), antigo membro de Nao e agora embarcado nun novo proxecto man a man coa pandereteira Nebeda Piñeiro.
Tralo pregón, o asalto e a sempre abraiante sesión de fogos “de lucería”, a música volverá a iso das 01:15h ao escenario principal coa Banda Xangai -encabezada por Xurxo Souto e con outros compoñentes de renome do Bravú-, seguida, ao peche da noite, do grupo Bestas, creado este mesmo ano.
O último día do Festival Irmandiño, o domingo 20, a troula situarase ás portas da fortaleza medieval, nunha proposta de formato algo máis reducido que comezará ás 13:30h con sesión vermú e posterior merendada campestre. Pódese levar o xantar da casa ou ben mercar por 6€ un prato colmado de liscos, xamón cocido, crioulo e un cachelo, ademais dun bocado de pan. Xantar contundente e con fundamento para recuperar forzas de cara a unha tarde musical animada desde as 16:30h por Encrucillada e desde as 17:30h por Os D’abaixo, encargados de poñerlle o ramo ao Irmandiño até a edición do ano que vén, que será a 45ª.
O Concello de Moeche colabora coa organización na loxística, facilitando colectores, tractor cisterna e motobomba, local social e outros. O consistorio tamén achega 6.000 euros por medio dunha subvención nominativa en favor da AC Irmandiños de Moeche e xestionou as actuacións de dous dos grupos que compoñen o programa: a Banda Xangái, co-financiada polo Concello coa Rede Cultural da Deputación da Coruña, e Os D’abaixo, que forma parte do catálogo da rede Dinamiz-ARTj dos Convenios da Transición Xusta.