Novo prazo de inscrición no Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade dirixido a mulleres desempregadas

A Xunta de Galicia concedeu o pasado ano á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia.

A administración autonómica e o Servicio Público de Empleo Estatal financian esta convocatoria con 225.000 € sobre 250.000 € do custo total. Con cargo a este programa estanse desenvolvendo varias accións formativas, se ben aínda quedan vacantes nalgunhas delas, polo que se poden inscribir as mulleres en situación de desemprego, que estean inscritas na oficina de emprego e empadroadas nalgún dos seguintes concellos: Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño.

Na área de Formación para o emprego quedan vacantes para os itinerarios de Cociña (Cociña colectiva e Cociña vexetariana), Reparación de teléfonos móbiles e Agricultura ecolóxica (Fertilización en agricultura ecolóxica, Agricultura ecolóxica, Defensa contra pragas e enfermidades, Explotacións agrarias e Semente de pebideiros). Así mesmo, aínda que se iniciou hai uns días, aínda é posible anotarse na especialidade de Xestión de comunidades virtuais, do itinerario de Community Management.

Á parte da formación sinalada, o Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol ofrece a posibilidade de realizar outras accións formativas que axuden ás usuarias a aumentar a súa empregabilidade: talleres de técnicas de busca de emprego, manipulación de alimentos, alfabetización informática e internet, conversa en inglés, redes sociais e dispositivos dixitais, ferramentas de coaching, entrevista de selección de persoal e habelencias sociais.  Ata o día de hoxe realizaron ou están a realizar prácticas profesionais non laborais 23 usuarias dos itinerarios de Limpeza Industrial, Comercio e loxística e de Peixaría.

As inscricións poden tramitarse a través dos números de teléfono 613 108 530 ou 613 108 535 e tamén do correo electrónico piemancomunidade@ferrol.es. As participantes recibirán unha bolsa consistente en 7 euros por día de asistencia ás accións formativas do programa e contarán con medidas favorecedoras da conciliación no caso de ser preciso.

O obxectivo do Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol 2022/2023 é achegar ferramentas ás participantes de xeito que melloren a súa empregabilidade e logren a inserción laboral. Entre os obxectivos cuantitativos está o de acadar un mínimo do 35% de inserción laboral das persoas participantes, feito para o que se combinan as diferentes accións formativas.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …