A campa do Trece acollerá dende este venres o «XXIII Oenach Atlántico» de Sedes

As concelleiras de Festas de Narón , Mar Gómez, e Participación Cidadá, Olga Ameneiro, desprazáronse á campa do Trece, na parroquia de Sedes, con motivo do inicio, na xornada de mañá venres, da programación do “XXIII Oenach Atlántico”.

O Concello organiza a convocatoria a través do Padroado da Cultura e en colaboración coa Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, da citada parroquia de Sedes; Integrantes desta entidade estiveron hoxe na campa ultimando os detalles desta celebración, que se prolongará ata o domingo e que está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. A convocatoria conta ademáis coa colaboración da Xunta de Galicia e Abanca.

Mañá venres ás 21.00 horas terá lugar o tradicional acto inaugural, co acendido de lumes nuns fachos, un en cada palloza, na zona da campa. A continuación comezará a Noite de Música Galiciana, co concerto da formación tradicional Aliboria.

A programación continuará o sábado dende as 11.00 horas coa apertura da campa castrexa con artesanías ao vivo e, a maiores, haberá tamén actividades lúdicas para pequenos e maiores, un photocall castrexo, unha sesión vermú na que actuará o grupo No Cómbaro e un espazo de xantares ao longo da mañá. Pola tarde retomaranse as actividades lúdicas ás 16.00 horas e haberá tamén un espectáculo de Pablo Díaz, música e baile tradicional a cargo do Grupo de Música e Baile Tradicional Alxibeira e ás 22.30 horas comezará a Noite no Castro, unha representación da Grande compañía de Teatro Comunitario de Sedes, integrada por veciñas e veciños da parroquia, que se caracterizarán para representar a obra “Lúa de sangue”.

Na xornada do domingo 30 retomarase o programa ás 11.00 horas con artesanías ao vivo, actividades lúdicas, e unha mostra de can de palleiro. Sobre as 13.00 horas haberá unha recreación teatral na campa castrexa e pola tarde, dende as 17.00 horas continuarán as diferentes propostas desta festividade, que inclúen a representación de “As minas do rei Salomón”, de Os Ghazafelhos, unha parada etnográfica da música tradicional coa Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, unha recreación na campa castrexae, a última hora da tarde, un concerto da formación Tiruleque.

A programación ao completo pode consultarse a través do enlace:  https://www.naron.es/web/docs/Oenach-programacion-2023.pdf .

 

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …