«Domingos a escena» representará este domingo a obra «Pim, Pam clow» no Centro Cívico de Caranza

A nova tempada de actuacións do ciclo de teatro afeccionado “Domingos a Escena” continúa este domingo coa participación da compañía NNC Teatro, creada no ano 2004 ao abeiro da Universidade de Santiago de Compostela, que porá en escena a obra “Pim Pam Clown, A guerra dos paiasos”. Así o anunciou o concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado, quen destacou a mellora da calidade dos espectáculos que se representarán ao longo desta nova tempada do ciclo debido ao investimento de 23.000 euros realizado polo Concello de Ferrol no Centro Cívico de Caranza. Un investimento que serviu para instalar un pano e novo equipamento técnico e escénico (bambalinas, cabina de son e iluminacion, diferentes tipos de proxectores, unha mesa de son e sistemas de microfonía fixa e inalámbrica, entre outros elementos).

Así as cousas, este domingo ás 19.00 horas subirase ao escenario a formación compostelá, dirixida por Beatriz Méndez e Roi Méndez. Os seus integrantes presentarán unha obra dirixida a un público novo, que desenvolve as principais características do clown: a inxenuidade, a fanfurriñada, a curiosidade ou o asombro. A partir destes conceptos o texto trenza un argumento en torno á guerra que, sempre aderezado con humor e con certo surrealismo, fai fincapé nas tremendas doses de absurdo que sempre están detrás de calquera enfrontamento armado.

Deste xeito, “Pim Pam Clown, A guerra dos paiasos” presenta personaxes tan paradóxicos como o do clown que ama tanto as bandeiras que sería capaz de morrer pola súa bandeira e ata pola bandeira dos inimigos, ou o xeneral clown que intenta convencer a dous paiasos pacifistas de que a guerra é un xogo “moi díver” e apenas perigoso, “aínda que haxe xente despistada que vai e choca coas balas, ou xente parviña que vai e se mete xusto nos sitios onde van caer as bombas”. En resumo, a obra que se poderá ver este domingo no Centro Cívico de Caranza é, segundo informa a propia compañía, “un catálogo de trangalladas bélicas que a través do humor pretende invocar á tolerancia e á solución pacífica dos conflitos como bálsamo necesario nestes inquedantes tempos armados”.

Programación

O concelleiro Manuel-Reyes García Hurtado invitou á cidadanía a asistir a este novo espectáculo do ciclo “Domingos a Escena”. Un ciclo que este ano incrementou o número de funcións, pasado de 26 a 35.  As obras que se representarán no mes de outubro e as agrupacións que participarán ata o día 28 son as seguintes:

NOME DO GRUPO OBRA DATA
NNC Teatro “Pim, pam clown. A guerra dos paiasos” 14 de outubro
Taller de Teatro Clamide “Cuatro corazones con freno y…” 21 de outubro
Teruca Bouza “O día da muller embarazada” 28 de outubro

Lea también

Valdoviño acoge el documental “Emoción, vida e teatro. A nave das Marías”

El Ciclo Mestro Mateo continúa esta semana en Valdoviño con la proyección del documental «Emoción, …