Ferrol conmemora o Día de Galicia cunha ofrenda floral ante o monumento de Xosé Fontenla Leal

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu este luns 24 o acto institucional conmemorativo do Día de Galicia na praza do Himno Galego, en Esteiro, onde se realizou a tradicional ofrenda floral no monumento de Xosé Fontenla Leal.

Ao acto asistiu a corporación municipal; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; a Real Academia Galega estivo representada polo académico de número Lourenzo Fernández Prieto; así como representantes de diferentes entidades da cidade.

Durante o acto, o rexedor lembrou a figura de Fontenla Leal, persoeiro “clave na creación da Real Academia Galega” e divulgador incansable da cultura galega desde Cuba, país ao que emigrou xunto a seus pais.

Nas súas verbas tamén lembrou a outro ilustre ferrolán, Ricardo Carvalho Calero, así como ao mindoniense Pascual Veiga e ao pontecesano Eduardo Pondal, todos eles referentes da lingua e da cultura galega. “Cómpre poñer en valor ás persoas que sentaron as bases da nosa cultura, pero tamén é igual de necesario traballar no presente cunha ollada ao futuro, para seguir mantendo vivo todo aquilo que nos identifica como galegos”, engadiu.

Neste sentido, enxalzou a lingua, a música, a arte, o folclore ou a gastronomía como elementos diferenzadores e sobresaíntes da terra galega e outros máis circunscritos a Ferrol, como o real Coro Toxos e Froles, que puxo música ao acto e que vén de actuar en Portugal. Alí, desde o sábado, conta cunha rúa co seu nome en Vila do Conde. Do mesmo xeito que a Semana Santa, as Pepitas ou o noso patrimonio, “eles son tamén os mellores embaixadores da cultura ferrolá e galega por onde pasan”.

O alcalde da cidade tamén reivindicou o galeguismo integrador “como fío condutor da defensa da nosa cultura e da nosa lingua”, asegurando que “desde Ferrol defendemos unha Galicia plural na que todos cabemos” e rematando a súa intervención desexando un feliz día de Galicia a todos os presentes.

Rematou o acto coa interpretación do Himno de Galicia polo Real Coro Toxos e Froles.

Lea también

La muestra de vehículos de carreras eléctricos abre la semana de la movilidad de Ferrol

El circuito de seguridad vial se traslada al jueves ante la predicción de lluvia para …