Últimos días para inscribirse no Entroido de verán que se celebrará o vindeiro luns na praza da Gándara

As persoas que desexen participar no Entroido de Verán que organiza a Asociación Sociocultural ASCM, en colaboración co Concello de Narón e a Asociación de Veciños da Gándara, dispoñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro luns 24 ás 13.30 horas. Ese mesmo día terá lugar o evento, a partir das 16.30 horas e que repartirá 300 euros nun concurso de disfraces, para o que é preciso anotarse a través do código QR do cartaz do evento ou contactando directamente coa ASCM a través dos números de teléfono 981 351 430, 604 055 703 ou do mail info@ascmgalicia.org.

Xogos acuáticos, unha concentración de persoas disfrazadas, e un pasarrúas entre as 19.00 e as 20.00 horas da comitiva centran a programación. O percorrido a realizar durante esa hora partirá da praza da Gándara, tal e como indicaron dende a ASCM, e continuará polas rúas Pintor Sotomaior, Nicasio Pérez, Vigo, Concepción Arenal, estrada da Gándara, Ares, estrada do Pavillón, estrada da Gándara de novo e acceso á praza da Gándara pola rúa Pintor Sotomaior.

O xurado do concurso de disfraces estará integrado por un representante das comparsas colaboradoras: Argalleiros, Parrandolos e Os Colludos; outro da Comisión de Festas da Gándara e a edil de Festas de Narón, Mar Gómez. A entrega dos premios será ás 20.30 horas e de 20.30 a 21.00 levarase a cabo unha actuación musical.

Ademais do Concello de Narón e a AVV da Gándara, colabora nesta convocatoria a administración autonómica, a través do programa Iniciativa Xove.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …