78 vehículos participan esta fin de semana na 35 edición do Rally Cidade de Narón

A cidade de Narón acolle esta fin de semana, do venres 21 ao sábado 22, a trixéximo quinta edición do Rally Cidade de Narón que reunirá a un total de 78 vehículos procedentes de diferentes comunidades autónomas.

A alcaldesa, Marián Ferreiro e os concelleiros de Deportes e Seguridade Cidadá, Ibán Santalla e José Oreona, respectivamente, presentaron o evento xunto con Antonio Sueiras, presidente da Escudería Siroco Narón; Moncho Padín, secretario da entidade e director da proba, Ramiro Fandiño, responsable de Seguridade do rally, José Vicente Medina, vicepresidente da Federación Española de Automobilismo; Antonio Rodríguez Troitiño, presidente da Federación Galega de Automobilismo; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; a xerente do Centro Comercial Odeón, Cristina Imaz, responsables da Garda Civil e da Policía Nacional e Local.

Un ano máis, tal e como recordou Ferreiro, a proba será puntuable para a Copa de España de Rallys de asfalto Cera-Recalvi e, como novidade, tamén se disputará o Trofeo Galicia Historic por vez primeira.

Na Praza de Galicia estivo hoxe tamén o piloto Jorge Cagiao, actual campión da Copa de España de Rallyes de Asfalto CERA-RECALVI, co seu novo vehículo, o Alpine A110 R-GT, copilotado por Javier Martínez.

“A competición pura e dura será na xornada do sábado este ano”, apuntou Padín, que explicou que o venres se realizarán as verificacións e un shakewdon con saída e chegada en San Xiao e ás 20.00 horas será a ceremonia de saída do Centro Comercial Odeón”, indicou.

O rally discurrirá polos concellos de Narón, San Sadurniño, As Somozas, Moeche e Cerdido, cun percorrido de 120 quilómetros totais en cinco tramos cronometrados a dobre pasada.

Un total de 77 vehículos participarán o sábado no rally, cuxa saída será ás 7.30 horas das inmediacións do Centro Comercial Odeón e coa previsión de rematar ás 21.00 e proceder a continuación á entrega dos trofeos da proba.

En cando á participación, o secretario da escudería Siroco Narón, recoñeceu que entre os favoritos está Jorge Cagiao, que corre na casa, e Álvaro Muñiz e tamén destacou o papel que, entre outros, xogará na proba Óscar Palacio.

En relación aos tramos Padín indicou que son similares aos do pasado ano, variando a zona de saída e chegada do primeiro tramo, na Queira, que era o de Vilachave e hai unha novidade en As Enchousas, por unha zona que é inédita por onde non se pasou. En Pedroso acortouse o sábado pola mañá un pouco antes da meta do ano pasado, pero segue un tramo íntegro en Narón.

Pola súa banda, dende a Federación Galega de Automobilismo, Rodríguez Troitiño amosou o seu apoio a todas as probas do Nacional e ofreceu a colaboración á escudería naronesa. Así mesmo, Medina amosou a súa satisfacción por participar novamente nesta proba de máximo nivel, asegurando que a Federación Española “está encantada de estar presente en Galicia” e destacou que este tipo de eventos aportan economía e turismo, ademais de deporte.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, indicou que “esta proba é unha das máis importantes a nivel deportivo que se desenvolve en Narón e un auténtico referente no mundo do automobilismo”.

Finalmente, a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, agradeceu a colaboración e implicación de todas as persoas que, encabezadas pola Escidería Siroco Narón están traballando para que todo discurra sen incidencias. “Casi 300 persoas traballarán para que esta proba continúe sendo un referente a nivel autonómico e estatal”, recalcou, destacando a implicación de todas as entidades e organismos implicados neste evento.

En Galicia desenvólvense dez probas de relevancia nacional, sendo unha delas o Rally Cidade de Narón, que tamén é unha das tres que se levan a cabo na Comunidade en canto aos Rallyes de Asfalto. A información ao completo desta edición do rallye pode consultarse a través da web: www.rallyenaron.org

Lea también

Unha unidade móbil de ADOS visita Narón a vindeira semana

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará na …