A praza da Gándara, Narón, acolle o vindeiro luns o Entroido de verán

A concelleira de Festas, Mar Gómez, presentou este luns 17 xunto con Paula Gárate, presidenta da Asociación Sociocultural ASCM e Eva Romero, presidenta da Comisión de Festas da Gándara, o Entroido de Verán, que se celebrará o vindeiro luns, día 24, na praza da Gándara.

A cita complementará o inicio das festas patronais do barrio, que se desenvolverán nesas datas. A presidenta da ASCM explicou que se repartirán 300 euros entre as persoas gañadoras, podendo anotarse as interesadas en participar ata o propio día 24 ás 13.30 horas a través do código QR do cartaz do evento ou contactando directamente coa ASCM a través dos números de teléfono 981 351 430, 604 055 703 ou do mail info@ascmgalicia.org.

Gárate avanzou que se repartirán 300 euros en premios no concurso de disfraces, cuxo xurado estará integrado por un representante das comparsas colaboradoras: Argalleiros, Parrandolos e Os Colludos: outro da Comisión de Festas da Gándara e a edil de Festas de Narón.

A programación comezará a desenvolverse ás 16.30 horas, co inicio das actividades previstas, e de 17.00 a 18.30 haberá xogos acuáticos. A concentración das persoas disfrazadas tamén dará comezo ás 18.30 e entre as 19.00 e as 20.00 haberá un pasarrúas da comitiva pola Gándara.  A entrega de premios está programada para as 20.30 e de 20.30 a 21.00 amenizarase con música o peche deste Entroido de Verán.

“A actividade impulsada dende a ASCM xorde para favorecer a participación en actividades adaptadas a xente máis nova dende unha perspectiva interxeracional e inclusiva, que fomente a cultura creativa a través de disciplinas como a música e o baile”, destacou a presidenta da asociación.

Ademais do Concello de Narón, colabora nesta convocatoria a administración autonómica, a través do programa Iniciativa Xove. A presidenta da Comisión de Festas da Gándara valorou a organización desta iniciativa, e recordou que no barrio haberá tamén o día 28 unha Festa do neno, con varias atraccións infantís, a prezos populares, na rúa Campoamor a partir das 18.00 horas organizada pola citada comisión.

A edil de Festas asegurou que “é un pracer colaborar coa ASCM neste Entroido de Verán, que como destacaba a presidenta da asociación supón toda unha oportunidade para participar nunha actividade inclusiva, avanzando nun camiño moi importante na nosa sociedade con esta proposta á que animo a participar ós nosos veciños”.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …