Juan J. Burgoa (jjburgoa@hotmail.com)
No mundiño político, incluído o cultural, hoxe está de moda a palabra contenedor para denominar a todo aquel espazo ou lugar, aberto ou pechado, onde se pode levar a cabo calquera tipo de actividade social, política, cultural ou recreativa. Esta horrible verba vale, polo tanto, para se referir a museos, auditorios, salas de conferencias e de exposicións, bibliotecas e todo aquilo que poida albergar calquera evento, como tamén se dis agora.
Ferrol dispón de varios contenedores, algún deles de propiedade municipal, que por diversas razóns non se están a utilizar. Como exemplo diso temos o edificio que foi da Aduana, un inmoble portuario de 500 m2, baleiro e abandonado desde fai máis de 5 anos, que o Ministerio de Economía nin utiliza nin deixa utilizar polo Concello de Ferrol, que podería instalar no mesmo ese demandado Centro Cívico de Ferrol Vello, Asociación de Veciños incluída. Moi preto atópase o desleixado edificio que foi Comandancia Naval, no que a inefable Autoridade Portuaria non semella amosar interese algún.
En pleno centro histórico da cidade, na rúa Magdalena, atópase pechado desde o ano 2006 o edificio que ocupou a Delegación de Facenda do Goberno central, hoxe trasladada a súa nova sede en Telleras. O amplo edificio de baixo e catro andares podería sela sede do Arquivo Municipal, que hoxe se atopa constrinxido nunha esquina da planta alta do Concello, feito que non facilita nin fai atractiva a súa visita aos investigadores. No que atinxe ao edificio de Capitanía Xeral, o ano 2004, co novo despregue das Forzas Armadas, desapareceu a función militar deste edificio, prevíndose a súa reforma e adecuación para futuros usos culturais, redactándose o ano 2006 o proxecto de obra, hoxe paralizada por razóns económicas. Entre os usos previstos estaba o de albergar o Arquivo Naval e a Biblioteca Xeral da Zona Marítima, totalmente necesario no primeiro caso e nada aconsellable no segundo, que non debe desgaxarse do seu histórico emprazamento no edificio do Museo Naval.
Con referencia ás instalacións culturais do Concello, hai que lembrar que hoxe o Centro Cultural Municipal da rúa do Hospital é un simple contenedor ou depósito de cadros, de moreas de libros e demais. Non obstante, cumpre constatar os esforzos do responsable da programación deste Centro para a súa posta en valor. Ademais de non contar co necesario apoio do Concelleiro de Cultura, os problemas de presuposto e os relativos á seguridade do edificio e ás exposicións alí celebradas son un freo para unha axeitada programación. O que realmente se precisa é levar a cabo un axeitado catálogo do Patrimonio Cultural moble que se almacena alí e noutros lugares do Concello.
Con respecto ao Teatro Jofre, segue a súa mala programación, alternando algún espectáculo de interese con outros más propios dun local parroquial, todo por non saber integrarse nos axeitados circuítos culturais, mentres continúa o clientelismo municipal de reserva de localidades e de actos por invitación. Mentres tanto, un novo contenedor, o Auditorio de Ferrol vai a se agregar a este sarao cando estea equipado. Semella lóxico que dos urbes como Ferrol e Narón, en teoría tan cerca, coordinen de xeito conxunto a utilización do ferrolán Teatro Jofre e o Pazo da Cultura de Narón, logrando unha boa programación e evitando duplicidades e gastos innecesarios.
En canto aos edificios do Legado Carvajal, despois da falcatruada cometida polo Concello no reparto de espazos dos mesmos, esquecendo que un dos edificios xa viña sendo utilizado polo Ateneo Ferrolán, ata de agora sen problemas, durante máis de 25 anos, vaise a rematar a obra do edificio do antigo Hospicio. Vexamos que nova ocorrencia ten esta vez o Concello para darlle nome a este novo contenedor (por exemplo, Centro Cívico Funcional, Sostible e Reciclable Reyes ………. Católicos, por suposto) e vexamos que asociacións culturais, musicais, Veciños de Esmelle de Abaixo, ou amigos do xogo da billarda, por exemplo, van a selos seus inquilinos.
O antigo cuartel e as instalacións de Sánchez de Aguilera, desafectadas por Defensa, seguen sen ter unha solución coñecida polos cidadáns para os seus máis de 90.000 metros cadrados de solo, susceptible de diversos usos. Tan só se me ocorre pedir a San Expedito, patrón das causas imposibles, que algún día se consolide ese irregular Museo da Natureza, que se faga realidade esa soñada Residencia Universitaria e mesmo que se levante esa chamada Cidade da Xustiza (que broma de nome para una institución tan fóra da realidade).
Un caso particular é o da “Casita de la Pradera”, unha singular construción que naceu fai moitos anos dentro do Cantón de Molíns, primeiro como Cafetería e Discoteca, máis adiante foi Biblioteca de nenos e Hemeroteca de maiores (levando a cabo naquel intre unha axeitada atención aos dous colectivos máis necesitados), ata que os sucesivos delirios municipais convertérona en Casa do Xadrez, Ludoteca e outras andrómenas.
E que se pode dicir do contenedor cultural da Fundación CaixaGalicia; quizais algún día teña que seren vendida en pública poxa para resarcir a tantos inversores galegos que confiaron nesa entidade. Aquí rematamos, aínda que poderíamos seguir coa Casa de Carballo Calero, co edificio da Telefónica, coa Oficina de Turismo, co Cuartel de Marinería da rúa do Sol, coas instalacións do Parque Municipal, cos locais que teñen pechados certas asociacións culturais, e mesmo con outros contenedores situados xa fóra do centro urbano. Que máis da ! Estamos a clamar no deserto cultural de Ferrol.