O Concello de Narón solicita a colaboración ciudadana para evitar os vertedoiros incontrolados

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Ramos, apelou á colaboración cidadá para erradicar no termo municipal de Narón os vertedoiros incontrolados.

O edil naronés denunciou que nos últimos días se están detectando varios depósitos de voluminosos nas rúas sen tramitar previamente o aviso á compañía que presta o servizo, Urbaser. “Estas actitudes incívicas ocasionan grandes molestias á poboación e supoñen tamén unha agresión ao medio ambiente, polo que entre todas e todos temos que erradicar estas condutas”, recalcou Ramos.

O concelleiro recordou que as persoas interesadas en dispoñer do servizo municipal de retirada de voluminosos, sen custe algún para a cidadanía, poden chamar ao número de teléfono 981 391 074, en horario de 08.00 a 18.00 de luns a venres e tamén os sábados de 09.00 a 14.00 horas.

O persoal indicaralles, segundo a zona na que desexen retiralos, que día poden despositalos na rúa para proceder á súa correcta recollida e ocasionar as mínimas molestias posibles á veciñanza.

Así mesmo, dende O Concello recordouse que a cidade dispón dunhas instalacións do Punto Limpo no polígono de Río do Pozo, onde poden acudir as naronesas e naroneses para depositar, tamén de balde, a maioría dos residuos domésticos. O Punto Limpo permanece aberto de luns a venres entre as 09.00 e as 13.00 horas e de 16.00 a 19.00 e os sábados de 09.00 a 14.00.

A maiores, recalcaron, están operativos os Puntos Limpos de proximidade de Xuvia, O Alto, A Gándara, A Solaina e Piñeiros, nos que se pode depositar roupa e calzado usados, pilas e baterías, pequenos electrodomésticos, fluorescentes e lámpadas, tóner de impresora, tapóns de plástico, CDs e DVDs, entre outros.

“Ante esta proliferación de vertedoiros incontrolados e todos os recursos á disposición da veciñanza, queremos facer un chamamento á responsabilidade para que faga uso deses servizos dun xeito idóneo e, ao mesmo tempo, para que no caso de ver condutas inapropiadas dea aviso á Policía Local porque estes actos non deben quedar impunes e, tal e como se recolle na normativa municipal, son sancionables”, apuntou Ramos.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …