Tres centros educativos de Narón e Ferrol entre os recoñecidos pola súa innovación no fomento do uso da lingua galega

A Xunta de Galicia acaba de resolver o programa de Proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística correspondentes ao curso 2022/2023, coa selección de oito centros que destacan polas súas propostas innovadoras para o fomento do uso da lingua galega, sobre todo entre a mocidade.

A comisión de selección valorou especialmente os proxectos en función do seu interese educativo, da súa contribución ao incremento do uso da lingua, á eliminación de prexuízos lingüísticos entre a comunidade educativa e á posta en valor do galego como lingua de interese e con proxección de futuro para a mocidade. Así mesmo, tivo en conta as propostas específicas de atención á diversidade e as medidas para fomentar os valores democráticos, en especial a igualdade, entre outros criterios.

Trátase dos colexios de Reboreda de Redondela, A Solaina de Narón e Plurilingüe Antonio Orza de Boqueixón, dos institutos Ricardo Carvalho Calero de Ferrol, Martaguisela do Barco de Valdeorras e Ramón Cabanillas de Cambados e do Centro Integrado de FP Rodolfo Ucha de Ferrol. A maiores, concédeselle unha Mención de Honra ao Centro Integrado de FP Paseo das Pontes da Coruña

Os cinco centros seleccionados como excelentes reciben unha dotación económica de 2.000 euros. Ademais, o profesorado implicado activamente no desenvolvemento de cada un dos proxectos seleccionados recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante. No caso do de Mención de Honra, os docentes participantes no proxecto reciben unha certificación de accésit.

O obxectivo desta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é animar o profesorado a desenvolver accións que revertan positivamente na dinámica lingüística habitual do centro escolar e xeren melloras permanentes na práctica docente e na realidade do ensino.

Lea también

El Colegio Oficial de Gestores Administrativos de Galicia recuerda que el Sistema Verifactu NO es obligatorio

Desde hace semanas, está circulando información errónea sobre el sistema Verifactu, llegando incluso a confundirlo …