O programa «Verde que te quero verde» comeza este domingo con dúas propostas musicais en Xuvia

A presidenta do Padroado da Cultura e alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou a programación acompañada da edil Olga Ameneiro

O programa “Verde que te quero verde”, que se inicia este domingo na cidade de Narón, alcanza este ano a súa sétima edición. O Padroado da Cultura programou un total de oito espectáculos, dous para cada domingo deste mes, que se levarán a cabo a partir das 12.00 horas en espazos verdes da localidade.

A primeira das citas será este domingo día 9 na Praza Irmáns Freire, en Xuvia, con A Maleta de Caxide e Antía Muíño. A primeira das propostas é o proxecto de acordeón e voz do músico e mestre Carlos Quintá e está pensado para público familiar. Pola súa banda, a artista galega Antía Muíño é unha das novas voces da música galega e traerá a Narón un directo potente e moi coidado que mistura o jazz e o folk americano, a bossa nova co fado, a canción ibérica coa nosa tradición… a cantante chegará á cidade acompañada pola súa banda.

A segunda xornada deste programa será o día 16 no parque da rúa 25 de Xullo, no Alto, e comezará con Sonsoles Penadique, formada na música tradicional e no jazz e cunha gran traxectoria tanto para público familiar como adulto. En Narón dará a coñecer o seu traballo pensado para as nenas e nenos. A continuación actuará Martín Mondragón, Mondra, un cantador, músico e bailador da compañía de Fran Sieira Danza e que se embarcou nun proxecto en solitario con catro sinxelos publicados que o convertiron nunha referencia da nova música galega.

O 23 de abril actuarán na rúa Francisco Pizarro, na Solaina, Ce Orquestra Pantasma e Abril. O vigés César Freiria, músico autodidacta e apaixoado dos instrumentos musicais ofrecerá en Narón un proxecto musical unipersoal e versátil cun amplo repertorio, o de Ce Orquestra Pantasma. En canto á segunda das propostas desta xornada, Abril, é unha formación de música folk formada por Marina Carpente ao violín, Claudia Abril á voz e pandeireta e Antón Lago á guitarra clásica. Un trío vigués con diferentes influencias musicais que conflúen nun único repertorio do que poderemos gozar en Narón.

Finalmente, o 30 deste mes pecharán a programación as propostas de Charo Pita e Carla Green & The Demons, na rúa Mariña Española, nas Vivendas da Mariña (A Solaina). A primeira actuación correrá a cargo da actriz, escritora e música Charo Pita, que misturará contos e música na súa proposta para a cidade. Despois actuarán Carla Green & The Demons, formación de orixe compostelá que interpreta o mellor do soul e funk dos anos 60 e 70. A banda presentará en Narón o seu potente directo.

Son oito propostas musicais moi variadas, pensadas para todos os públicos e con entrada de balde, co fin de descentralizar a actividade e a programación cultural da cidade aproveitando a tempada estival”, destacou Ferreiro, que xunto coa edil de Cultura animou á cidadanía a desfrutar destes concertos.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …