A Policía Local de Narón dispón dende a pasada semana dun novo vehículo, xa operativo, e que neste caso se destinará ao servizo de Seguridade Cidadá. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou o novo Ford Kuga na Praza de Galicia, acompañada polo edil de Seguridade Cidadá, José Oreona, o xefe da Policía Local, Eduardo Pita, o Oficial da Policía Local José Antonio Carballido, e un representante do concesionario no que se adquiriu o vehículo.
A rexedora local destacou a importancia de incrementar o parque móbil da Policía Local, “para continuar mellorando día a día o servizo que os axentes deste Corpo prestan á cidadanía, velando pola súa seguridade e o seu benestar”.
Ferreiro recordou que este Ford Kuga súmase a outro do mesmo modelo co que xa contaba a Policía Local da cidade, outros oito máis e dúas motocicletas. Así mesmo, avanzou que está en proceso de contratación o renting para unha nova furgoneta de atestados para o citado servizo municipal.