O BNG de Narón despois de ter unha asemblea de militantes e falar con diferente axentes de Narón conclúe que votará por si mesmo no acto de investidura que terá lugar este sábado.
Nun comunicado sinala que
1.- O BNG agradece aos veciños e veciñas a subida histórica nestas eleccións cara a nosa formación. Acadamos 663 votos máis nas municipais que fixeron que foramos os que máis subiramos en número de votos e porcentaxe con diferenza. Ademais, sacamos os mellores resultados da historia nunhas municipais en Narón e volvemos gañar no colexio electoral de Doso.
2.- A abstención segue a ser a tónica da xornada nas eleccións municipais en Narón. Consideramos que é necesaria unha profunda autocrítica de todas as forzas políticas por non ser quen de ilusionar a unha parte importante da veciñanza. Preocúpanos escusas ou que se asuma “que non se vota porque se está contento” como asegurou a alcaldesa en funcións, Marián Ferreiro, considerando que isto alonxa a TeGa da realidade do pobo.
3.- Máis do 75 por cento do censo de Narón non votou pola grupo maioritario, Terra Galega, e esta forza quedou moi lonxe do concelleiro número 11 que dá maioría absoluta no noso concello. Aplicando a lei d ́Hont estabamos máis cerca de conseguir un concelleiro máis calquera do resto de forzas representadas que TeGa de ter un máis.
4.- Así a todo, as eleccións en Narón deixaron un resultado aberto e que propicia o diálogo entre diferentes forzas políticas. Para isto, salientamos:
A) Nós temos un proxecto claro, ambicioso e transformador para Narón.
B) O BNG é unha forza dialogante, construtiva e que traballa para o benestar de todas as veciñas e veciños.
C) Ábrese un período no que se pode chegar a grandes acordos polo ben de Narón pero non se dan as circunstancias, hoxe, de pacto do BNG con ningunha forza de maneira permanente por ter obxectivos diferentes cara o noso concello.
5.- Concluímos por todo isto que o BNG votará por si mesmo no acto de investidura e asume que é a forza maioritaria a que ten que tender a man ao diálogo para chegar acordos puntuais e de todo tipo que beneficien ao concello de Narón no seu conxunto; sen facer perigosas distincións por barrios, parroquias, idade, xénero ou condición social.
O mellor Narón está por vir e no BNG traballaremos arreo para conseguir o Narón que soñamos.