Marián Ferreiro avanzou en Xuvia o proxecto da senda peonil que enlazará a parroquia coa Gándara e Pedroso

A candidata de Terra Galega á Alcaldía de Narón, Marián Ferreiro, deu a coñecer ante as veciñas e veciños de Xuvia un dos proxectos máis destacados da formación para os vindeiros catro anos: a senda peonil que unirá A Gándara, Xuvia e Pedroso. Ferreiro participou esta noite no acto electoral programado na citada parroquia, no que estivo acompañada, entre outros integrantes do seu equipo, polo candidato e edil naronés Ibán Santalla.

“Queremos continuar gañando espazos para as persoas e mostra diso é este novo proxecto de senda, por un espazo natural cun gran valor paisaxístico e histórico e que se sumará ao recentemente habilitado para enlazar os paseos de Xuvia e Freixeiro”, apuntou a candidata de TEGA. A actuación, avanzou, “estará plenamente integrada no entorno no que se proxecta, abarcando unha gran superficie que pasará a ser unha zona de lecer, con áreas estanciais de descanso, para as persoas que se acheguen ao tramo».

A candidata de Terra Galega en Narón recordou tamén na súa intervención algunhas das actuacións que se levaron a cabo nos últimos catro anos nesta parroquia, subliñando a rehabilitación do muíño de Xuvia, actualmente en proceso de musealización. “Aí está tamén o derrubamento do antigo cuartel da Garda Civil, ao que lle daremos novos usos e a mellora de instalacións deportivas como as do club de piragüismo, a instalación de estacións de mantemento e limpeza de bicicletas e a recente adxudicación do parque de xogos de auga”. Todas estas actuacións, recalcou “leváronse a cabo nun mandato marcado por unha pandemia que mantivo paralizada a plataforma de contratación e nos fixo priorizar outros investimentos, fundamentalmente para atender ás persoas e garantir a súa seguridade fronte á covid-19”.

Os actos electorais de TEGA continuarán mañá en San Xiao, ás 21.00 horas no local social, onde a candidata, Marián Ferreiro, estará acompañada por Manuel Ramos e outros integrantes do seu equipo.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …