Os avances no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) forman parte dos compromisos adquiridos por Terra Galega para o vindeiro
mandato. Así o asegurou na noite deste martes, día 16, Marián Ferreiro, candidata da formación á alcaldía, no acto electoral celebrado no centro cívico social de Sedes. Ferreiro estivo acompañada por integrantes do seu equipo, entre eles José Carlos López, da citada parroquia.
“Incluiremos no Plan de Urbanismo un incremento da superficie de solo de núcleo rural, tal e como contempla a nova Lei do Solo, pasando de oito a dez millóns de metros cadrados”, avanzou.
A candidata de TEGA subliñou a importancia de levar a cabo esta proposta, que é agora posible grazas aos cambios aplicados na Lei do Solo. “Con este incremento de superficie de solo de núcleo rural haberá máis espazos urbanizables nas parroquias, o que permitirá construír vivendas en máis parcelas que na actualidade e, polo tanto, atraer máis poboación a eses núcleos da nosa cidade”, explicou.
“Os novos proxectos complementaranse con outros que consideramos prioritarios para a zona rural, como a ampliación da rede de saneamento e abastecemento, uns traballos que debido á falta de implicación tanto da Xunta como da Deputación temos que financiar únicamente con fondos propios, a diferencia doutros concellos da zona que reciben millóns de euros para este tipo de obras”, asegurou.
Avanzar tamén na substitución do sistema de alumeado por led, a elaboración dun plan de recuperación de fontes e lavadoiros públicos e continuar traballando contra a fenda dixital na zona rural foron outras das actuacións sobre as que falou Marián Ferreiro ás veciñas e veciños da parroquia.