Uns 350 escolares presentaron no Pazo da Cultura de Narón os seus traballos do “XXXII Certame Intercentros”

A alcaldesa de Narón , Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, asistiron no Pazo da Cultura ao acto final da trixésimo segunda edición do “Certame Intercentros-Concello de Narón”, organizado este ano polo CEIP Plurilingüe Virxe do Mar e o Consistorio e ao que tamén acudiu Adrián Fernández, inspector territorial de Educación na zona.

Uns 350 alumnos e alumnas de educación Infantil, Primaria e Secundaria de oito centros de ensino da cidade asistiron ao acto en representación dos preto de 700 que participaron na convocatoria. A rexedora local entregou os premios globais de participación aos representantes e directores dos CEIP Virxe do Mar, A Solaina, Ponte de Xuvia, Piñeiros, A Gándara, CRA de Narón, CPI O Feal e os IES As Telleiras e Terra de Trasancos. Dous alumnos da Escola de Teatro de Narón, Alexis Sequeiro e Luis Pillado, foron os encargados de presentar este acto.

Os traballos das modalidades de murais, conto, conto ilustrado e cómic permaneceron expostos ata hoxe no Pazo da Cultura. Tamén se entregaron, por parte da rexedora local, a edil de Ensino, representantes dos centros educativos e outros edís da corporación local –TEGA, PP e PSOE-, os premios correspondentes ás modalidades de canción en galego, teatro, expresión oral, audiovisuais, cómic, narrativa e poesía. No transcurso do acto actuaron os alumnos e alumnas de terceiro de Primaria do CEIP Piñeiros, que cantaron a canción “Rosalía”, premiada no certame; os de quinto de Primaria do Ponte de Xuvia, coa canción “Concello de Narón”, tamén galardoada no certame, o Coro Solidarium do IES Terra de Trasancos e o Peque Coro Solidarium do Concello de Narón, integrado por nenas e nenos de 6 a 11 anos.

A maiores, entregouse o premio ao cartel anunciador do certame, realizado por Alicia del Río, alumna de sexto de Primaria do CEIP Plurilingüe Virxe do Mar. A continuación tomou a palabra a alcaldesa da cidade, que agradeceu a implicación do alumnado e dos centros de ensino que participaron na convocatoria. Ferreiro recordou que se trata dun acto moi consolidado na cidade e programado con motivo do Día das Letras Galegas, adicado este ano ao lucense Francisco Fernández del Riego, co fin de ensalzar a nosa lingua e a nosa cultura en xeral. “Con todas e todos vós queremos seguir celebrando o Día das Letras Galegas e por iso vos convido a asistir o vindeiro mércores á Praza da Lectura para desfrutar do variado programa deseñado para esta xornada”, asegurou a alcaldesa.

Antes de rematar o acto anunciouse, como é tradición neste acto, o centro organizador da vindeira edición, que será o CRA de Narón. A coordinadora de dinamización lingüística do CEIP Virxe do Mar, Bibiana Ferreira, entregoulle o testemuño á súa homónima do CRA de Narón, Silvia Rodríguez.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …