A décimo segunda edición da Feira Multisectorial Agrícola organizada polo Concello de Narón terá lugar mañá sábado e o domingo día 7, na parroquia de Sedes. Esta fin de semana abrirá as súas portas o recinto Feiral do Trece para esta feira, que se poderá visitar de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas con entrada de balde, tal e como avanzou a edil de Feiras e Mercados, Natalia Hermida.
No exterior do recinto poderanse ver as últimas novidades na área da maquinaria agrícola e forestal, e no interior das naves instalaranse unha trintena de postos de venda. Entre os produtos que se poderán adquirir están algúns ecolóxicos, artesáns, prantas ornamentais e da horta, antigüidades, alimentación…. O programa de actividades, tal e como apuntou a edil naronesa, inclúe unha serie de obradoiros dirixidos a nenas e nenos, que aprenderán como plantar algunas especies.
Non será preciso inscribirse previamente e poderán participar tamén de balde. Haberá tamén sorteos de agasallos entre os asistentes, segundo explicou Hermida. No momento de acceder ao recinto entregaráselles unha rifa coa que poderán participar no sorteo de varios agasallos: árbores froiteiras, prantas, produtos da horta… que se realizarán durante as dúas xornadas.