O Concello de Narón e a delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura (AGA), organizan un ciclo de prácticas sobre a reproducción das abellas nun colmear. As convocatorias desenvolveranse os días 5, 7 e 13 de maio e impartiranas profesionais na materia. Están dirixidas a socios de AGA e veciños ou veciñas de Narón, que deberán anotarse previamente a través do correo: dagaferrol@hotmail.com .
Este venres a convocatoria será ás 17.00 horas, a cargo de Rubén Amigo, membro de AGA e con colmeares en Narón. Dende a asociación indicaron que practicará na sesión a cría de raíñas realizando trasvase (método doolitle). Na xornada do día 7 a cita será ás 10.30 horas, con Rafael Díaz, integrante de AGA Ferrolterra e que explicará a técnica de cría de raíñas coñecida como “todo nun” e diferentes métodos sinxelos e prácticos de reproducción de colmeas. A última convocatoria, o sábado 13 con Antonio Martínez, un apicultor de Mañón, será para que explique a partir das 10.30 horas técnicas de reproducción do colmear.
Todas as prácticas se levarán a cabo en colmeares, sendo o punto de encontro e posterior saída cara aos mesmos na glorieta de Sedes, en Narón,quince minutos antes do horario fixado para cada unha das sesións, tal e como apuntaron dende a delegación de AGA.