A Xunta de Persoal do Concello de Narón condenou publicamente o feito de que a pasada fin de semana o sindicato CGT “utilizase un accidente totalmente fortuíto nunha atracción das festas do Alto do Castiñeiro para poñer en dúbida o excelente traballo que realizou todo o persoal que estivo nos operativos de seguridade e sanitarios”.
Dende a Xunta de Persoal manifestaron o seu total apoio ás compañeiras e compañeiros que estiveron traballando durante toda a fin de semana no marco do plan de seguridade das festas: axentes da policía nacional e local, persoal do Speis, persoal técnico sanitario, da empresa de limpeza Urbaser, de servizos externos, de Protección Civil e persoal administrativo do Concello. “Estes colectivos teñen de sobra demostrada a súa profesionalidade en todos os eventos organizados polo Concello e nos que participaron neste e noutros anos, polo que contan co noso total apoio polo seu importante e exemplar labor”, recalcaron dende a Xunta de Persoal.
Así mesmo, dende o colectivo lamentouse que “un sindicato que debe defender o traballo da clase traballadora utilizase un feito puntual para realizar unhas manifestacións na liña totalmente contraria”.
RESPOSTA DA CGT
Pola súa parte a sección sindical da CGT responde ao comunicado da xunta de persoal.
«Dende a CGT do Concello de Narón, queremos recordarlle á Xunta de Persoal que o señor Román Romero non é traballador do concello de Narón, senón concelleiro, que foi a quen se lle pediu responsabilidades no noso comunicado.
A CGT do Concello Narón nunca criticou nin criticará xamais o traballo dos corpos de seguridade, emerxencias ou resto de profesionais, que son vítimas tamén da irresponsabilidade política. A CGT informou o día 28 de que o “Plan” establecido polo Concello de Narón para as festas do Alto do Castiñeiro era inadecuado, como así demostrou a xestión do accidente, tendo que facer un rescate persoas sen os EPIS adecuados nunha atracción con suministro eléctrico, e sen a estabilidade garantida.
Este evento, ao que tal e como se ve nas imaxes e vídeos publicados polas propias orquestras e como publicaron os xornais, acudiron arredor de 20.000 persoas non contou cun “plan” adecuado. Nin sequera o 112 recibiu a información no momento do accidente para mobilizar os medios oportunos tal e como indica o anexo V do decreto 172/2022 do 6 de outubro, onde se aproba o catálogo de actividades que deben adoptar medias de autoprotección e polo que se fixa o contido destas.
Debemos recordarlle á Xunta de Persoal que todos os funcionarios do Concello de Narón nos debemos á poboación de Narón, antes que aos Políticos. Non é a primeira vez que a Xunta de Persoal sae en defensa dos políticos deixando de lado aos traballadores; así por exemplo, recentemente Inspección de Traballo remitiu un informe ao Concello de Narón indicando graves deficiencias que poñen en risco a integridade física dos bombeiros sen que a Xunta de Persoal se pronunciara.
Recordámoslles que representan a todos os traballadores e traballadoras do concello e deben loitar por mellorar as súas condicións de traballo. É moi significativo que os únicos comunicados en prensa nos anos que levan os mesmos delegados de persoal na xunta, sexan para defender a políticos e non para solicitar melloras para os traballadores e traballadoras. A CGT sempre loitará por todos os traballadores e traballadoras do Concello de Narón, especialmente por aqueles máis desfavorecidos e que nunca son escoitados e escoitadas.
Para que non quede lugar a dúbida este sindicato quere compartir íntegramente o comunicado emitido pola CGT despois do accidente: «Tras o accidente ocorrido esta madrugada, onde resultaron feridos 13 menores, este sindicato denuncia a grave irresponsabilidade do concello de Narón na xestión da prevención e seguridade nas festas do barrio do Alto. Este sindicato entende que urxe que comparezan a dar explicacións o responsable de prevención do concello Daniel Lorenzo, o inspector xefe de bombeiros Rafael Pazos e pide a dimisión inmediata, como responsable político, do concelleiro de seguridade cidadá Román Romero polos seguintes motivos: – O responsable de prevención do Concello Daniel Lorenzo, presente no punto, non mobilizou os bombeiro de garda. – O evento carecía de plan de prevención a pesares de que os responsables, a propia comisión de festas, aseguraba que se achegarían máis de 20.000 persoas. – O xefe de bombeiros Rafael Pazos non reforzou o número de bombeiros a pesares de que as 9 da mañá do sábado a quenda so contaba con 3 compañeiros. – Ambos técnicos aquí citados, responsables de semellante despropósito, decidiron que non era preciso que estivera presente no punto ningunha dotación de bombeiros durante os festexos. – A información dada á prensa por parte do concello é falaz posto que os bombeiros de Narón non tiveron actuación no accidente xa que ninguén os mobilizou».