Un total de 74 establecementos comerciais da cidade participarán dende este martes e ata o vindeiro 12 de maio na campaña “Merca en Narón”. Así o indicou a concelleira de Promoción Económica, Natalia Hermida, que destacou a variedade de establecementos que se adheriron a esta convocatoria organizada un ano máis dende o Concello e na que colabora a Asociación de Comerciantes de Narón.
Tendas de fotografía, alimentación, centros de estética, zapaterías, comercios de roupa, librarías, establecementos de agasallos, floristerías,
establecementos de decoración, ferreterías, clínicas veterinarias… forman parte dos establecementos adheridos a esta iniciativa.
Os establecementos participantes disporán dunhas urnas da campaña e repartirán boletos de “rasca e participa” cos que poder gañar premios directos ao realizar as compras. En total repartíronse 34.000 “rasca e participa”, nos que hai máis de 8.000 premios directos: chaveiros, chuvasqueiros, bolígrafos, tarxeteiros, xogos de mesa, palas de praia, bolsas reutilizables… A maiores dos premios directos, a campaña inclúe o sorteo de dez viaxes valoradas cada unha en cen euros. Para poder participar no sorteo a clientela deberá depositar nas urnas dos establecementos adheridos a papeleta cos seus datos persoais.
As unas retiraranse o día 15 de maio dos establecementos para proceder a realizar posteriormente o sorteo e facer a entrega dos vales das citadas viaxes.
A edil de Promoción Económica agradeceu “a gran acollida que tivo esta campaña entre o sector comercial da cidade, ao que quero agradecer que participe nesta iniciativa, pensada para fomentar as ventas coincidindo con estas datas e tamén a dar a coñecer a excelente calidade dos produtos e servizos que ofrecen día a día”.