A segunda edición da Feira de Captación do Talento abrirá este venres as súas portas en Narón

A segunda edición da Feira de Captación do Talento organizada polo Concello de Narón reunirá no pavillón Campo da Serra a preto dunha trintena de empresas, entidades e institutos da zona. A concelleira de Feiras, Natalia Hermida, recordou que se trata dun evento con entrada de balde e que se poderá visitar en horario de mañá e tarde este venres e sábado, días 28 e 29 de abril, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

A edil naronesa explicou que durante estes dous días se sucederán varias charlas, a cargo de representantes das empresas e entidades participantes. Así mesmo, haberá tres ponencias principais: o venres 26 ás 12.30 horas dará comezo a do expiloto de automovilismo Jaime Alguersuari, que falará sobre retos e traballo en equipo; e o sábado 29 serán as do empresario e licenciado en Ciencias Económicas Emilio Duró, ás 12.30 e a vicereitora de estudantes e inclusión na UNED Ana Lisbona, ás 17.30, que falarán sobre a actitude ante os problemas.

O venres ás 11.00 abrirá as súas portas ao público, sendo un espazo concebido para que os participantes poidan informar sobre ofertas de traballo, a actualidade do mercado laboral, diversificación… Navantia, a Armada, a Universidade da Coruña, Agroflor, a Confraría de Barallobre e Cofer estarán presentes na xornada, que pola mañá pechará ás 13.30 e reabrirá pola tarde ás 16.00 horas.

O sábado ás 11.00 horas poderase visitar de novo a feira ata as 14.00 horas pola mañá e de 16 a 19.30 pola tarde. Sucederanse nesta xornada as intervencións de representantes da Asociación Jóvenes Empresarios, ElectroRayma, Academia Postal, Asociación de Empresarios Ferrolterra, Mulleres Ártabras, J. Rilo e a Asociación de Comerciantes de Narón. Hermida animou á cidadanía a acudir a esta nova Feira de Captación do Talento, unha oportunidade única para coñecer o traballo de diferentes empresas e entidades reunidas nun mesmo espazo.

Lea también

Los bomberos de Narón sofocaron un incendio en una vivienda de la calle San Benigno

Los bomberos de Narón realizaron una intervención cerca de las diez de la noche de …