O concelleiro de Mocidade, Ibán Santalla, presentou as diferentes propostas que se desenvolverán coas clases maxistrais ata finais de decembro.
O concelleiro de Mocidade, Ibán Santalla, informou da apertura do prazo de inscrición nas clases maxistrais que se impartirán na aula de música da Casa da Mocidade para persoas de 12 a 35 anos (con preferencia para as empadroadas en Narón).
As convocatorias desenvolveranse entre o 27 de novembro e o 23 de decembro e as prazas son limitadas, debendo realizarse a inscrición a través dun código QR –co formulario- que se pode ver nos cartaces destas propostas. A primeira das convocatorias será o día 27 deste mes, cunha clase maxistral de batería a cargo de Cris Castro, con máis de 30 anos de traxectoria profesional en concertos, xiras e docencia.
Cun total de 15 prazas ofertadas, o alumnado traballará con motivos musicais, figuras xeométricas, movemento e emocións para explorar novas posibilidades a través do xogo, a expresión e a improvisación, ampliando recursos e descubrindo novas formas de expresión detrás do instrumento.
O día 5 de decembro, de 17:00 a 20:00 horas, haberá unha clase de voz a cargo de Bea Rivas; o 11 dese mes, entre as 17:00 e as 19:00 horas unha de guitarra con Tony Torres; o 18 de decembro, de 18:00 a 20:00 unha de baixo impartida por Alejandro Masafret e o día 23 dese mesmo mes, de 11:00 a 13:00 unha de piano a cargo de Alfredo Susavila.
Para obter máis información pódese contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do mail: omix@naron.gal ou do número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
