Últimos días para inscribirse no curso de Montaxe de estadas multidireccionais

A concelleira de Formación, Natalia Hermida, recordou que o vindeiro mércores, día 26, rematará o prazo de inscrición no curso de montaxe de estadas multidireccionais (andamios). A edil naronesa recordou que se dirixe a persoas empadroadas en Narón, maiores de 18 anos e desempregadas, se ben recordou que poderán anotarse veciñas e veciños doutros concellos porque no caso de que non se cubran as prazas con xente de Narón poderán realizar o curso.

As inscricións poden formalizarse no Rexistro municipal –de 8.30 a 13.30 horas-, na Sede Electrónica do Concello ou a través dalgún dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

O curso terá unha duración total de 115 horas e impartirase do 4 de maio ao 7 de xuño nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 horas, agás os días 4, 5, 9 e 10 de maio, que será de 8.30 a 14.30 horas, e o 11 e 12 de maio de 9.00 a 13.00. Dende o Consistorio recórdase que se trata dunha acción formativa cun elevado grao de inserción laboral.

A formación teórica e práctica de montaxe e desmontaxe de estadas multidireccionais (plan de montaxe, tipos de estadas e a súa utilización, actividades necesarias para asegurar a estabilidade e solidez das estadas, condicións de carga admisible…) forman parte dos contidos do curso. Tamén haberá formación en materia de prevención de riscos laborais, traballos en altura e en espazos confinados, rescate en altura e primeiros auxilios, manexo de DESA e módulos transversais de orientación laboral, emprendemento e igualdade de xénero.

Para recibir máis información pódese contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello de Narón  ou a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).

Lea también

Piden 24 años de prisión por abuso y agresión sexual a la hija de su pareja, en Narón

La Fiscalía solicita penas que suman 24 años de prisión para un hombre acusado de …