O BNG de Ferrol considera un engano os anuncios de Mato sobre vivenda no Sánchez Aguilera

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, considera que «as declaracións do alcalde de Ferrol, Angel Mato, referentes a destinar á vivenda pública o solo do Sánchez Aguilera obedecen a un descoñecemento da situación actual do Sánchez Aguilera ou un engano á veciñanza»

Iván Rivas, sinalou que «na actualidade non existe ningún programa dentro do Plan estatal de vivenda 2022-2025 vixente ( e fora tampouco) destinado a financiar a construción de vivenda nova de protección. Todos os programas que existen na actualidade e desde o Plan Estatal de vivenda de 2013-2016 destinan os seus fondos á rehabilitación e mellora enerxética das edificacións»

Asi mesmo Rivas lembra que «na actualidade os terreos destinados á construción de 460 vivendas no Sánchez Aguilera son propiedade do Mº de Defensa, e por tanto o concello non pode tomar a iniciativa de construír esas vivendas a non ser que lle merque os terreos a Defensa, algo surrealista, se temos en conta que o concello de Ferrol renunciou na aprobación recente do Plan de Equidistribución ao 10% do aproveitamento do solo destinado a vivenda sometida a algún réxime de protección nese espazo da cidade»

«Ademais acabamos de asistir ao pago en metálico por parte do concello de 0,5M de euros en metálico e ao pago en especie de 460 vivendas e un centro comercial de 24.000m2 ao Mº de Defensa por parte do concello a cambio de asinar o convenio. Pensar que agora o Mº de Defensa vai a renunciar a todo ou a parte deses abonos é como mínimo inxenuo»

Rivas destaca que «o espazo destinado á construción de vivenda no Sánchez Aguilera ten unha parte substancial como destino a construción de vivenda libre, en concreto 16.950 m2, non de protección e polo tanto sen regulación de prezo, polo que a posibilidade da que fala o Alcalde é unha fantasía».

O BNG tamén sinala que «a día de hoxe existe solo sen construír destinado a vivenda de protección no concello de Ferrol que agarda da iniciativa pública para o seu desenvolvemento e que se localiza fundamentalmente no barrio do Bertón.

É por isto que o BNG considera «que na actualidade e nunha cidade onde o 27,8% da vivenda está en situación de infrautilización (inclúe non  as vivendas baleiras, senón as que teñen un uso secundario por parte dos propietarios e propietarias) a política de vivenda máis razoable, eficiente e sostible consistirá na rehabilitación e mobilización deste parque residencial cara ao mercado de aluguer, priorizando os segmentos de aluguer protexido e social, non a construción de novas promocións».

«Sobre todo porque para o que si existe financiación e axudas públicas, incluído o vixente Plan estatal de vivenda 2022- 2025, é para rehabilitación non para nova construción» engade

Lea también

El martes inauguración del «Rastrillo» de la A. Nuestra Señora del Carmen

La asociación “Nuestra Señora del Carmen” de Ferrol celebrará desde el martes 26 de noviembre, …