O «Trocolibro» e visitas guiadas á Biblioteca e á Axencia de Lectura da Gándara este mes de abril en Narón

A Biblioteca municipal e a Axencia Municipal da Gándara retoman dende este lúns 17, e ata o vindeiro 22 e 21 de abril respectivamente, a proposta “Trocolibro”, unha actividade de intercambio de libros entre as persoas usuarias das citadas instalacións. A concelleira responsable da área, Mercedes Taibo, avanzou que se instalará unha mesa para realizar ese intercambio na sala xeral da planta baixa. “Poderán levar libros da mesa as persoas que o desexen, independentemente de que deixen ou non outro a cambio”, explicou, informando que o máximo de libros para doar ou levar é de un por persoa.

Así mesmo, a edil naronesa informou que dende hoxe están abertas as inscricións para participar nas visitas guiadas ao edificio da Biblioteca municipal, onde se ensinarán as instalacións e se explicarán os servizos que se prestan á cidadanía. As visitas están programadas para este xoves e venres, ás 18.00 e 11.00 horas, respectivamente, e terán lugar polas catro plantas da Biblioteca, a do sótano, coa sección infantil, bebeteca, sala de exposicións e actividades; a baixa, coa hemeroteca, sección de información e referencia, de audiovisuais e xuvenil; a primeira, coa sección de adultos e arquivo de depósito de libros e a segunda, coa sección de adultos (materias), seminarios, sala de usos múltiples e de informática.

Taibo explicou que tamén se programaron visitas guiadas ás instalacións da Axencia de lectura municipal da Gándara e a Aula de Informática da Casa da Mocidade, para este venres 21 de abril ás 17.30 horas. Neste caso, tamén se informará aos asistentes sobre as instalacións e os servizos que se prestan e dos que poden facer uso. Tanto no caso das da Biblioteca como nestas últimas, as inscricións poden realizarse de xeito presencial na Biblioteca ou chamando ao teléfono 981 382 173.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …