A alcaldesa de Narón , Marián Ferreiro, presidiu onte á tarde a reunión mantida con persoal de Correos en Narón, na que tamén participaron os voceiros do PP, Germán Castrillón, do PSOE, David Pita, e edís de TEGA, PP e BNG. No transcurso da xuntanza os representantes do plantel de Correos denunciaron de novo as súas condicións de traballo e o servizo deficitario que se está prestando debido á falta de persoal.
“Temos seis vacantes pendentes de cubrir, as baixas laborais non se cubren nin tampouco outras ausencias do persoal e atopámonos coa segunda folga en dous anos porque nos din que se van cubrir pero non o fan”, denuncian dende o colectivo. Aseguran estar “colapsados” e inciden na necesidade de contar con “máis persoal e un compromiso por parte da empresa” para poder ofrecer un servizo en condicións óptimas.
Ante o incremento de traballo debido ao reparto derivado da campaña electoral do 28M, insisten en que o plantel actual será “insuficiente” para atender a carga de traballo. “O plantel está nervioso, hai baixas por estrés, persoas que acuden ao seu posto medicadas por ansiedade…”, lamentan, subliñando que “nos últimos tres anos imos de mal en peor”.
Dende o colectivo agradeceron o apoio recibido pola corporación local naronesa, que ao pleno do pasado mes de marzo levou unha declaración institucional en apoio ás reivindicacións do persoal de Correos en Narón, instando á empresa a manter o persoal necesario para cubrir as obrigas diarias do reparto de correspondencia na cidade e a ampliar o plantel actual.
Ao remate da reunión a alcaldesa reiterou o apoio unánime da corporación ás súas reivindicacións e comprometeuse a solicitar unha reunión coa xefatura de Correos para abordar esta problemática.