Ferreiro visitou o novo edificio para fomento e apoio de actividades deportivas da Gándara

A alcaldesa de Narón , Marián Ferreiro, e os concelleiros de Obras, Pablo Mauriz, e Deportes, José Oreona, desprazáronse á Gándara con integrantes do Club de Remo de Narón con motivo do remate das obras e inicio de actividade nas novas instalacións do Club de Remo. O Concello, tal e como destacou a rexedora local, “destinou un investimento de preto de 100.000 euros a esta construción, que loce totalmente renovada e permite ofrecer aos integrantes do club local, que conta con escolas municipais, unhas mellores instalacións nas que poder desenvolver a súa actividade”.

O edificio mantén a súa estrutura rectangular, de 15×10 metros e dous accesos, tal e como solicitaron os integrantes do club naronés. A actual superficie útil ronda os 133 metros cadrados, nos que se habilitaron: sala de usos múltiples deportivos, oficina, hall, corredor e vestiarios para homes, mulleres e adaptado.

“Os cambios aprécianse no interior, totalmente renovado, pero tamén no exterior do edificio, onde se substituíron as antigas placas de fibrocemento por panel sándwich, se renovou a carpintería e se revestiu a fachada con paneis de madeira e cemento, o que o integra totalmente na paisaxe na que se ubica, na zona da enseada da Gándara”, apuntou Ferreiro.

“A materialización destes traballos supón un novo avance en canto ao mantemento e mellora de instalacións deportivas municipais, un área á que tan só no actual mandato o goberno local destinou unha partida que superou os 1,6 millóns de euros”, subliñou Ferreiro. A alcaldesa aproveitou a visita ás instalacións locais para coñecer a opinión do Club de Remo Narón sobre os traballos executados e tamén para interesarse pola súa actividade deportiva, na que lles desexou moito éxito durante a tempada.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …