O proceso de definición de tres normas xurídicas do Plan Normativo de Narón entrou na fase final cunha nova recollida de propostas e suxerencias, na que poderá participar a cidadanía ata o vindeiro 4 de abril. A través da plataforma Narón Participa (www.naronparticipa.es ) poderanse presentar suxerencias ou propostas aos borradores da ordenanza de Normalización Lingüística de Narón; da ordenanza reguladora da venda ambulante; e do regulamento de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal do Concello de Narón.
Unha vez recollidas as suxerencias da cidadanía procederase a someter os citados documentos ao pleno para proceder á súa aprobación inicial, coa posterior publicación dese acordo no Boletín Oficial da Provincia polo prazo dun mes, a efectos de posibles alegacións. Posteriormente e, de ser preciso, someteranse a aprobación definitiva no pleno. Respecto ás tres normas cuxa aprobación se pretende, sinalar que o Concello elaborou un borrador da ordenanza de normalización lingüística co fin de establecer unhas liñas de actuación para incorporar o idioma en todos os ámbitos e nos cambios tamén se abordarán os dereitos lingüísticos, atención ao público, documentación e actuación administrativa, publicacións, accións informativas, formativas e actividades públicas, toponimia, relación con outras
administracións, etc.
Pola súa banda, a modificación do regulamento de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal do Concello, permitirá realizar cambios puntuais en determinados artigos para adaptalos á lexislación aprobada nos anos 2020 e 2021 en materia de nomeamentos interinos e contratos temporais nas administracións públicas. E finalmente a modificación da ordenanza da venda ambulante pretendea súa actualización conforme á lei autonómica en vigor, regulando entre outras cuestións, a venda directa dos produtos primarios dende as explotacións ata o consumidor final.
Dende o goberno local recordouse que poden participar na elaboración das normas propostas persoas maiores de 16 anos empadroadas en Narón ou organizacións e asociacións legalmente constituídas e potencialmente afectadas polas mesmas.