Escolares do CPR Santiago Apòstol plantan unha vintena de árbores entre Freixeiro e Xuvia.

Un tramo da senda peonil e ciclista entre Freixeiro e Xuvia, no Camiño da Veiga, foi o lugar elixido para retomar a plantación promovida na cidade pola Corporación Masaveu, á que pertence Cementos Tudela Veguín.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Parques e Xardíns, Ibán Santalla, participaron na convocatoria xunto co responsable de Medio Ambiente e Enerxía do grupo Masaveu Industria, Fernando Fernández-Tresguerres; a subdirectora da planta Cementos Tudela Veguín, do Grupo Masaveu en Castro, Marta Ferro, outros representantes da citada empresa e algo máis de medio cento de alumnas e alumnos de sexto curso de Primaria do colexio Santiago Apóstol de Narón.

Profesionais da empresa de mantemento de xardíns da cidade encargáronse de ofrecer aos escolares unhas explicacións sobre o proceso da plantación para que, a continuación, comezasen por grupos a plantar vinte árbores de dúas especies, freixos e os coñecidos como “árbores do amor”. Os exemplares quedaron identificados cos nomes dos rapaces e rapazas, que contaron coa axuda de persoal docente do centro, dos representantes do goberno local e da empresa no proceso da plantación. Os escolares quixeron aproveitar a ocasión para que a alcaldesa lles asinase as camisetas que lles entregaron dende a empresa con motivo desta actividade.

Ferreiro agradeceu “a implicación da Corporación Masaveu, coa que un ano máis quixemos colaborar para levar a cabo esta actividade medioambiental con escolares e a través da que se levan plantado decenas de árbores en diferentes ubicacións da cidade, tanto na zona rural, como é o caso de Castro e Sedes, como na urbana, sumándose A Gándara e Xuvia á zona elixida para a plantación desta mañá”.

A actividade responde a unha campaña de sensibilización medioambiental que desde hai varios anos impulsa na localidade a Corporación Masaveu. Unha vez rematada a plantación, e antes de regresar os escolares ás aulas, os participantes degustaron un aperitivo nas instalacións do Centro Cívico Social de Piñeiros.

Lea también

Marián Ferreiro cree que la gente «está contenta de vivir» en Narón y destaca que es «motor» de la comarca

La actual alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro (TeGa), ha asegurado que «la gente está contenta …