Eva María Pena Novo, propietaria de Calzados Mara, nomeada “Muller do Ano 2023” en Narón

O salón de plenos do concello de Narón acolleu  o acto central programado desde o Concello con motivo do 8 de Marzo , Día Internacional das Mulleres. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, na que estivo acompañada pola edil de Igualdade, Mar Gómez, e outras concelleiros da corporación local naronesa.

O pleno do pasado mes de febreiro aprobou o nomeamento da Muller do Ano 2023, unha distinción que ostentará a comerciante local Eva María Pena Novo, propietaria de Calzados Mara, na avenida Souto Vizoso. Eva chegou ao salón de plenos acompañada pola edil de Cultura, Olga Ameneiro, para asistir a unha suposta reunión por unhas axudas ao sector, pero unha vez no salón de plenos a alcaldesa aludiu á data de hoxe lembrando que é unha xornada na que cada ano recoñécese o labor e a traxectoria dunha muller de Narón. Ferreiro leu a acta plenaria coa aprobación do nomeamento da Muller do Ano e oficializó o nome da homenaxeada este ano, Eva María Pena.

A alcaldesa aludiu á traxectoria profesional de Eva, empregada do comercio local desde adolescente e na actualidade empresaria tras coller a testemuña de Calzados Mara e formar parte da directiva da Asociación de Comerciantes de Narón entre os anos 2011 e 2020. Ferreiro lembrou que con 14 anos a homenaxeada comezou a traballar nun almacén de xoguetes durante dúas campañas de Nadal e no 1984 como dependenta en Calzados Mara, establecemento que pechou no ano 2008 e que levou a Eva María Pena a reabrilo posteriormente mantendo o nome orixinal. En 2009 reabre Calzados Mara na cidade, da que é propietaria e dependenta, consolidando este mesmo ano unha traxectoria de máis de corenta anos atendendo ao público no pequeno comercio local, tal e como lembrou a rexedora da cidade. Tras a lectura, Ferreiro deu o parabén a Eva e mostrou a súa confianza en que “esta distinción fágache sentir aínda máis orgullosa, se cabe, desta a túa cidade”, finalizando a súa intervención reforzando a importancia e a calidade e diversidade do pequeno comercio naronés.

Acompañada por un dos seus irmáns, polos seus pais, e moi emocionada desde o momento no que entrou no salón plenario, Eva agradeceu o recoñecemento á súa traxectoria e lembrou os seus inicios na profesión e o seu primeiro soldo, que a súa nai destinou a comprarlle unha máquina de bordar. Na súa intervención tivo palabras de agradecemento para a familia e para as compañeiras e compañeiros do pequeno comercio local. A alcaldesa entregoulle unha réplica da escultura “Andoriña”, de Manuel Patinha e a edil de Igualdade, Mar Gómez, un ramo de flores que posteriormente Eva entregou á súa nai.

A homenaxeada acudirá este venres á tradicional Cea da Muller, que terá lugar en casa Becerra ás 21.30 horas, un acto no que participarán familiares e amizades de Eva, entre outros. Ao final do acto no Concello representantes da corporación local desprazáronse á praza da Gándara para ver a mostra “8M Mujeres de Narón” e tamén con motivo desta xornada iluminaranse de cor malva esta noite as fachadas do Pazo da Cultura, da Casa da Cultura, do edificio do Xulgado e a glorieta de Freixeiro.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …