Creación en Narón dunha Oficina de Transformación Comunitaria

O Goberno local de Narón aposta pola creación dunha Oficina de Transformación Comunitaria na cidade, instalacións que, tal e como explicou a alcaldesa, Marián Ferreiro, están orzamentadas en 132.741,84 euros e para as que se solicitou unha subvención europea de 81.180,96 euros.

“Trátase dunha iniciativa que consideramos necesaria e, ó tempo, útil, para promover a creación de comunidades enerxéticas na cidade”, apuntou a rexedora local. A iniciativa opta a unha liña de axudas do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) a través do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia financiado pola Unión Europea (fondos Next GenerationEU).

A proposta municipal inclúe varias actuacións encamiñadas a acadar iniciativas adaptadas ás capacidades e intereses locais. Comezaríase, tal e como indicou Ferreiro, por unha fase de activación social e integración coas estruturas e o tecido asociativo locais para achegar a todos os grupos sociais e que a oficina teña o maior impacto social posible.

A segunda fase pasaría por iniciar un programa formativo e de difusión das instalacións a través do que divulgar a importancia do aforro enerxético e avanzar cara á constitución de formacións máis específicas enfocadas á capacitación de asociacións e pequenas e medianas empresas ou outros grupos interesados en liderar iniciativas de comunidades enerxéticas.

Neste mesmo proceso elaboraríanse estudos e recompilaríase material informativo sobre comunidades enerxéticas, a súa adaptación aos intereses locais e procederíase á súa divulgación. Unha vez deseñado o funcionamento da oficina e co fin de poñer en marcha as primeiras iniciativas que poidan xurdir, habilitarase un servizo de asesoramento semi presencial.

“A finalidade do mesmo sería solventar á cidadanía en xeral dúbidas que poidan xurdir de carácter técnico e reforzar ese traballo de asesoramento para iniciativas incipientes, así como levar a cabo actuacións específicas de acompañamento para novas iniciativas de creación de comunidades enerxéticas», destacou a alcaldesa

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …