Celebración en Narón dun pleno escolar convocado no Concello

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu este venres, día 3 de marzo, un pleno moi particular, no que ocho alumnos do CPR Jorge Juan e dos IES das Telleiras e Terra de Trasancos se convertiron por un día en concelleiros e levaron varias propostas a unha sesión na que tamén participaron a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, e o secretario Xeral do Concello, Alfonso de Prado.

Os menores estiveron acompañados por persoal docente dos seus respectivos centros. Os primeiros en plantexar as súas propostas foron os representantes do IES Terra de Trasancos, Ainara Calvo e Yaiza Sanmartín.

Neste caso interesáronse polas instalacións deportivas, en concreto os campos de fútbol, os servizos e recursos dispoñibles para menores con discapacidade e a convocatoria de charlas sobre temas necesarios para a mocidade.

A segunda rolda de intervencións foi para Javier Oliveira, Daniela Camiña e Alba Valles, do IES das Telleiras, que enfocaron as súas propostas cara aos pavillóns polideportivos e os espazos para a práctica de deporte ó aire libre, o servizo de bus escolar e os concertos para a mocidade.

Finalmente, o alumnado do CPR Jorge Juan, en concreto Yeray Niebla, Hugo Vergara e Grecia Vilas, en representación do centro, tamén se decantaron por abordar entre as súas tres iniciativas as infraestruturas deportivas municipais e, a maiores, sobre a información e recursos de educación sexual para a mocidade e a programación de eventos, festas e festivais para persoas da súa idade.

Durante un tempo de cinco minutos expuxeron cada unha das propostas para a continuación abrir un turno de comentarios e preguntas e outro de réplica.

A rexedora local respostou ás cuestións sobre as que se interesou o alumnado e, ó mesmo tempo, interesouse por coñecer a visión que as mozas e mozos da súa idade teñen da cidade, en canto a infraestruturas, servizos deportivos, actividades deportivas e culturais, etc.

Os representantes dos centros destacaron a importancia desta iniciativa de Participación Cidadá impulsada dende o Consistorio naronés en canto á posibilidade que ofrece de establecer canles de comunicación con persoas dunha idade moi concreta.

Finalmente, Marián Ferreiro agradeceu a participación dos tres centros, tanto do persoal docente como do alumnado que traballou nas aulas coas materias que se expuxeron no Concello e animou ó colectivo a continuar realizando propostas do seu interese para a cidade.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …