Cursos en Narón para a obtención de permisos de condución

O Concello de Narón convoca un curso de Preparación para a obtención do permiso de condución D (autobús) con CAP inicial de viaxeiros e outro de Preparación para a obtención do permiso de condución C (camión) e E (tráiler) con CAP inicial de mercadorías.

A concelleira de Formación, Natalia Hermida, informou que o prazo de inscrición abrirá o vindeiro luns, 6 de marzo ás 8.30 horas e pechará o 10 de marzo ás 13.30 horas. No caso do curso para obter o permiso de condución de autobús o alumnado deberá ser maior de 24 anos e no de camión e tráiler ser maior de 21. Así mesmo, nos dous casos é preciso que teñan en vigor o permiso de condución B e ter superado o correspondente psicotécnico.

Cada un dos cursos terá unha duración de 270 horas e impartiranse na sede da autoescola Anpidriver, na Gándara (rúa Concepción Arenal, 73, Narón) entre o 11 de abril e o 23 de xuño deste ano, de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres.

Ofértanse un total de oito prazas para cada un dos cursos e das horas totais 130 correspóndense coa formación teórica presencial para a preparación do CAP; 12 clases serán prácticas de condución ata completar 10 horas (incluídas as dos exames) e 110 horas serán de formación para os permisos, D ou C e E,  (incluídas as de presentación aos exames oficiais), se ben 20 máis destinaranse a módulos transversais de sensibilización en igualdade de xénero, medioambiental e de inserción laboral.

Hermida explicou que será de balde para o alumnado o pago das taxas de exames teóricos/pistas e circulación para o carné D e tamén para os C e E, segundo o curso, e as taxas de expedición e exames teóricos do CAP inicial obrigadas por Tráfico (sen incluír a renovación, só unha convocatoria), debendo o alumnado abonar o pago do psicotécnico e o requerido polo centro de exames.

As persoas interesadas deben presentar as instancias no Rexistro Xeral do Concello, de 8.30 a 13.30 horas, na Sede Electrónica de Narón ou a través do resto de medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas

Lea también

Los bomberos de Narón sofocaron un incendio en una vivienda de la calle San Benigno

Los bomberos de Narón realizaron una intervención cerca de las diez de la noche de …