Narón acolle a «I Feira de antigüidades, coleccionismo e vintage»

O Concello de Narón organiza a primeira edición da Feira de antigüidades, coleccionismo e vintage que se levará a cabo os días 11 e 12 deste mes nas instalacións do Pavillón da Mocidade, na Gándara.

Unha trintena de expositores participarán nesta feira, con acceso de balde e que se poderá visitar o sábado e o domingo de 10.00 a 14.00 e dende as 16.00 ata as 20.30 horas, tal e como se indicou dende a área de Feiras e Mercados, dirixida polo edil Santiago Galego.

Cerámica antiga, lámpadas vintage, radios, cadros, cómics de época, vinilos, gramófonos, selos, moedas, arte sacra e obxectos decorativos, entre outros, son parte dos produtos que se poderán adquirir durante as dúas xornadas.

Os anticuarios e coleccionistas de cada posto proceden de concellos galegos e nalgúns casos tamén de Asturias, Castela León, Granada e de Portugal.

O Concello anima á cidadanía a acudir á feira e confía en que “esta sexa a primeira de moitas máis edicións a programar na cidade”. Dende o goberno local continúase apostando pola diversificación e, neste caso, por unhas áreas nas que se ofrecerán pezas únicas e tamén outras que co paso do tempo son xoias para os coleccionistas e particulares.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …