Entrega en Narón dos premios da campaña do Entroido Gastronómico

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o edil de Promoción Económica, David Pita, entregaron este luns, día 27 de febreiro, os vales das trinta cestas con produtos do Entroido sorteadas na campaña Entroido Gastronómico organizada polo Concello.

As persoas gañadoras achegáronse ó Consistorio para recoller vale que lles permitirá recoller a cesta no establecemento onde lles entregaron a papeleta do “rasca e participa” que resultou premiado coa cesta.

“Moitas grazas por participar nesta campaña, a través da que un ano máis quixemos apoiar ó sector hostaleiro da nosa cidade dinamizándoo con motivo desta festividade”, asegurou Ferreiro, que xunto con Pita agradeceu tamén a implicación da trintena de establecementos da cidade que se sumaron á convocatoria.

A campaña do Entroido Gastronómico desenvolveuse do 20 ó 26 de febreiro, unha semana na que os establecementos adheridos entregaron coas consumicións as papeletas de “rasca e participa”, que incluían a maiores das cestas premios directos como libretas, bolígrafos, xogos de mesa, altofalantes, chaveiros…

Casa Juanito, Hamburguesería Eder, Australian, Nueva Orleáns, Colonial, Gibson, La Bastilla, Mouchos, Índalo, Mestura, La Salmantina, Gola, Chiss, Hollywood, Imos a ro?, Café 29, O Café do Alto, Tyche, La Continental, A Toxiña, Nuevo Minuetto, Silver, La salita de mi casa, Juventud, Ronnie, La Roldana, Tempus, A Estrela de Baltar, Marinito e Pizzería O Paso foron os establecementos que participaron nesta edición, tal e como se recordou dende o Consistorio.

A campaña incluíu ademais a entrega neses establecementos a pasada semana de receitarios con trece receitas do Entroido: caldo galego, callos, cocido, empanada de lacón con grelos, robaliza co fondo de grelos e muselina de allo, rodaballo do forno e patacas, tortilla de grelos, bica de Trives, filloas, leite fritido, orellas do Entroido, torradas e roscos de anís.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …