O Concello de Narón acolleu na mañá deste luns ás 9.00 horas, un pleno extraordinario para aprobar a participación no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos da Deputación da Coruña. O bipartito naronés aprobou cos votos dos edís de TEGA e PSOE un investimento de 411.000 euros na construción dun campo de tiro con arco no polígono de Río do Pozo e de 570.000 na mellora das instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón. Os edís do PP e do BNG abstivéronse no momento da votación destas propostas.
Así mesmo, na sesión saíu adiante cos votos favorables de TEGA, PSOE e BNG a proposta de participación do Concello no POS+ Adicional para o financiamento de gastos sociais extraordinarios desta anualidade. Neste caso, destinarase unha partida de 173.000 euros ao Servizo de Axuda no
Fogar, tal e como se indicou na sesión plenaria.
Dende o goberno local, os voceiros de TEGA e PSOE defenderon as actuacións ás que se destinarán estas achegas provinciais, co fin de implementar novas instalacións, mellorar as existentes e tamén ao SAF.
A POSTURA DO BNG
O BNG de Narón a través dun comunicado informa da súa abstención nas propostas do concello ó POS da Deputación, «despois de prometer un investimento que mellorase as instalacións do SPEIS comprobamos como máis de medio millón de euros van para gasto corrente e só no “pos adicional” poñen o proxecto de ampliación para o edifico do speis, co que nin tan sequera sabemos se haberá ese diñeiro (ou unha parte ou nada) porque depende do que invistan os concellos da provincia no primeiro POS e logo ver o que pode quedar sen licitar» afirma Olaia Ledo