Mugardos celebra o día de Rosalía coa representación do contacontos ‘A Miña historia’

A concelleira de Ensino e Cultura, Begoña Roldós, presentou este luns, día 13 de febreiro, a celebración municipal do día de Rosalía de Castro o próximo día 23 de febreiro ás 12.00 horas coa representación do contacontos ‘A Miña historia’ a cargo da compañía Trémola Teatro!, para todos os nenos de 1º e 2º de Educacion Infantil dos centros escolares mugardeses.

O espectáculo céntrase en contar a biografía de Rosalía a través da personaxe dunha xornalista saída do século XIX para introducir algúns dos textos máis importantes da autora. Cos libros alí, a actriz amosaralle os textos á rapazada e mesmo compartirá algunhas das creacións rosalianas.

O contacontos fai referencia á relevancia de Cantares en relación coas Letras ou ó papel de Rosalía como protagonista do Rexurdimento Galego. Tamén se proxecta a súa figura como muller pioneira do seu tempo, coa inclusión deste tema a partir dun fragmento de Lieders.

Roldós informou tamén de que o Concello de Mugardos colaborará coa iniciativa de ruta rosaliana da man da entidade cultural Apelón Educación, o vindeiro día 24 de febreiro. Este roteiro terá o acompañamento das Gaitas de Ares e parada para photocall no Concello. Sairá ó redor das 10.30 do IES cunha duración aproximada dunha hora.

Roldós confirmou que a celebración deste día tan sinalado para as letras e a lingua galegas estenderase por toda a comarca da man do Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Concellos de Ferrolterra.

Lea también

O Novembro, mes do humor continúa co espectáculo Eran elas de Avelino González

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acolle este venres 22 de novembro, a …