Construción en Narón dun campo de tiro con arco e melloras nas instalacións do SPEIS

 
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, avanzou que o Concello destinará preto de 982.000 euros do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña a dúas actuacións, a construción do novo campo de tiro con arco no polígono de Río do Pozo e melloras nas instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón
 
A rexedora local recordou que tanto a proposta de participación no plan provincial como os investimentos se someterán a aprobación plenaria nunha sesión extraordinaria convocada para o vindeiro luns, día 13, ás 9.00 horas no Concello.
 
Ferreiro explicou que á construción do campo de tiro con arco se destinará unha partida de 411.038 euros, con cargo á que se habilitarán unhas instalacións con todos os servizos necesarios para a práctica deste deporte.
 
“Na cidade hai xente que habitualmente practica este deporte e queremos que conten cunhas instalacións axeitadas ás súas necesidades que lles permitan continuar apostando por esta actividade deportiva e, ó mesmo tempo, que tamén outras persoas se animen a practicala”, asegurou Ferreiro, indicando que nas instalacións se poderán programar campionatos a nivel estatal.
 
A alcaldesa explicou que se habilitará nunha parcela municipal, ubicada no polígono de Río do Pozo, na avenida Bernardo Romero, un campo de tiro, unha zona de disparo e unha edificación auxiliar de servizo que disporá de aseos, almacén, vestíbulo e unha zona de recepción, entre outras estancias.
 
“A materialización deste proxecto permitiranos continuar diversificando a oferta deportiva na nosa cidade, neste caso mellorando considerablemente un espazo que ata agora se viña utilizando para a práctica do tiro con arco nesa mesma ubicación”, recalcou.
 
A segunda das actuacións que se acometerá con cargo a fondos provinciais é a mellora das instalacións do Speis no Río do Pozo. Neste caso, tal e como apuntou a alcaldesa, o investimento previsto é de 570.419 euros.
 
“As melloras que se levarán a cabo nestas instalacións afectarán tanto ao exterior da actual construción como ó interior, co fin de que os bombeiros dispoñan dun maior espazo para desenvolver o seu traballo diario e tamén almacenar os vehículos e equipamento deste servizo, que se incrementou considerablemente dende a súa constitución e fai necesaria esta mellora” asegurou.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …