O BNG propón ao Concello iniciar os trámites para dotar ao IES de Ferrol Vello dun pavillón polideportivo

Instante da rolda de prensa | BNG

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, presentou na mañá deste luns, acompañado polo director do IES Ferrol Vello, Francisco González, do presidente da ANPA do centro, Xosé Paz e de María José Peniza en representación da A.V.V. de Ferrol Vello unha iniciativa que será debatida no pleno municipal co obxectivo de dotar ao IES de Ferrol Vello dun espazo no que poder desenvolver as clases de Educación física.

O portavoz nacionalista sinalou que esta iniciativa pretende buscar unha solución a un problema «que leva anos sen resolver no barrio de Ferrol Vello«. Desde O BNG tendo en conta as demandas da comunidade educativa e xunto a veciñanza do barrio «impulsamos esta iniciativa que pretende cubrir unha necesidade básica que ten este centro e o propio barrio.«

O BNG indica que se non fose posíbel facer esta infraestrutura no actual espazo físico do centro, «é certo que existe un amplo consenso na alternativa que supón a construción dun polideportivo anexo que faría as funcións de ximnasio do centro e que daría servizo fóra das horas lectivas às necesidades de dinamización deportiva do barrio e do conxunto da cidade.«

Así mesmo, tense aportado como alternativa para a construción desta infraestrutura a utilización do solar que ocupa a vella fábrica de xabón existente nas inmediacións do instituto, para o que as administracións deberían iniciar os trámites oportunos para poder levantar o necesario pavillón deportivo.

Iván Rivas sinala que esta iniciativa vai na liña de instar ao goberno local «a iniciar o expediente para declarar de interese público eses terreos anexos e despois poñer a disposición ese espazo para que a Xunta de Galiza asine un convenio co Concello de Ferrol, cunha modificación do orzamento deste ano 2023 dotando dunha partida económica que permita a construción deste polideportivo.«

Como é coñecido o IES Ferrol Vello carece da infraestrutura necesaria para levar a cabo nas condicións requiridas as clases de educación física, o que obriga ao centro a desprazar ao profesorado e aos alumnos e alumnas as instalacións de FIMO para poder desenvolver alí as clases de Educación Física.

Francisco González, director do centro

Sinalou que a falla dun espazo para o desenvolvemento das aulas de Educación Física supón un problema para o centro pois ter que desprazarase a FIMO provoca unha importante reorganización de horarios que afecta non só as clases desta materia senón ao conxunto de horas lectivas do centro.

Defende a solución proposta pois supón que sería beneficiosa para o propio centro, pero ademais sería beneficiosa para o conxunto do barrio que podería dispor fora das horas lectivas dunha instalación deportiva da que hoxe carece.

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …