O BNG de Narón segue a dar pasos cara adiante neste ano electoral. Este xoves, 19 de xaneiro, tiveron asemblea local no que aprobaron por unanimidade facer público o primeiro tramo da candidatura. Un primeiro tramo con novidades no que, ademais de repetir Olaia Ledo, portavoz municipal e traballadora autónoma no sector do audiovisual e o marketing, e Geno Carballeira , membro da directiva da AVV Naveira de Doso e técnico no sector de seguridade como candidata á alcaldía e nº2 respectivamente, inclúen persoas como Bea Mosquera de nº3, traballadora de servizos culturais, coñecida en Narón polo seu traballo desde o Pazo da Cultura ademais da súa implicación no tecido asociativo desde a A.C. “Vai rañala meu” de Sedes; Manu Teixeiro, veciño do Val, carpinteiro de profesión, traballador no sector industrial de Narón e que foi presidente da asociación de veciños “os irmandiños do Val”; Carlos González, veciño de Freixeiro, sindicalista e que vén do sector das enerxías renovábeis; Dolores Prieto, directora da Galiña Azul de Xuvia ; e Nicolás Manso, veciño de San Mateo, ligado ao deporte de base e traballador de Navantia.
Un equipo para traballar e gobernar Narón
En total sete nomes no que o BNG salientan a súa experiencia en diferentes eidos e o seu coñecemento de Narón “presentamos non só unha parte da candidatura, presentamos un equipo para traballar e gobernar Narón. Desde o BNG queremos transformar a realidade e mellorar a vida das veciñas e veciños. Para iso hai que crer en todas as potencialidades da nosa cidade, integrar o rural e o urbano e afortalar os servizos públicos. Sabemos que ser do BNG implica ter ideas e unha marca nos concellos en si mesma revolucionaria.
Alí onde está o BNG os concellos son vangarda: falemos de San Sadurniño ou Moeche ou falemos de Pontevedra, Allariz ou Carballo. Narón non só ten que ser un lugar para vivir se non que ten que ser o lugar onde teñamos todas as oportunidades e servizos. Hoxe, con toda a asemblea e simpatizantes comezamos desde o bloque o camiño para conseguir uns resultados históricos” declara Olaia Ledo, portavoz municipal do BNG de Narón.
“Nós somos a alternativa de esquerdas e nacionalista no noso concello; hai catro anos presentámonos coa ilusión de poder mellorar Narón e cun proxecto sólido, agora temos a certeza de que é posíbel facelo realidade. Grazas ao noso traballo estes anos melloráronse moitas cousas e agora é o momento; ilusión , forza, xenerosidade e ganas non nos faltan” incide Olaia Ledo.