O Concello de Narón abre este luns, día 9 de xaneiro, o prazo de inscrición en dúas edicións dun curso de Prevención de Riscos Laborais (nivel básico).
Esta acción formativa, segundo indicou a concelleira de Formación, Natalia Hermida, diríxese a un máximo de 40 persoas (vinte por cada edición) que deben ser maiores de 18 anos, estar desempregadas, empadroadas en Narón e non ter concedido outro curso do Programa Municipal de Formación que coincida nas datas.
As inscricións poderán presentarse dende o citado luns ás 8.30 horas ata o vindeiro día 13 de xaneiro ás 13.30 horas a través do Rexistro xeral do Concello, da Sede Electrónica de Narón donde se poderán descargar as inscricións ou dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Hermida destacou que se trata de dúas accións formativas válidas para traballar nos sectores da construción e do metal. Cada un dos cursos terá unha duración total de 75 horas (60 de Prevención de Riscos Laborais e as 15 restantes de módulos adicionais) que se impartirán no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara.
As datas previstas para a primeira edición desta acción formativa son do 27 de xaneiro ó 17 de febreiro e para a segunda do 22 de febreiro ó 15 de marzo, en ambos casos en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 de luns a venres.
Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo; Riscos xerais e a súa prevención; Riscos específicos e a súa prevención no sector correspondente á actividade da empresa; Elementos básicos de xestión da prevención de riscos laborais; Primeiros auxilios e módulos transversais de Igualdade de oportunidades, Orientación laboral e busca de emprego e Emprendemento forman parte dos contidos das convocatorias.
O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro e as persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse á web do Concello www.naron.es ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109)