Os orzamentos municipais do Concello de Narón para 2023 aprobáronse de xeito inicial cos votos favorables de TEGA e PSOE este xoves, día 29 de decembro, no transcurso da última sesión plenaria do ano.
O documento contable ascende a 35.110.550 euros, tal e como indicou o edil de Facenda, Román Romero. O concelleiro incidiu no feito de que se trata duns orzamentos “cun marcado carácter social, que priorizan a atención ás persoas” e subliñou que novamente se manteñen os impostos conxelados para non incrementar a carga fiscal sobre os veciños da cidade.
“O feito de que non teñamos débeda bancaria reflicte a boa xestión que se realizou nos últimos catro anos, un feito que contribúe a proporcionarnos unha estabilidade financieira nas arcas municipais”, destacou.
Romero apuntou que os investimentos previstos para o vindeiro ano, que superan os 1,2 millóns de euros, se executarán con cargo a fondos propios. “É unha partida inicial que se irá incrementando ao longo do ano, ó igual que en anteriores exercicios”, indicou, ó mesmo tempo que destacou o feito de que actualmente se estean executando investimentos por un importe conxunto de once millóns de euros.
O voceiro do PSOE, David Pita, coindidiu con Romero en aclarar que o orzamento “é un documento vivo, que ofrece moitas posibilidades ao incrementarse ó longo do ano”.
Pola súa banda a alcaldesa, Marián Ferreiro, subliñou a importancia de aprobar o documento contable e agradeceu o traballo dos concelleiros implicados no mesmo e tamén do persoal funcionario.
Na sesión plenaria aprobouse cos votos favorables do grupo de goberno o “III Plan de Igualdade de Narón”, un documento que defendeu a concelleira responsable da citada área, Mar Gómez. A edil naronesa fixo un chamamento ao resto dos grupos ó inicio da súa intervención “para poder aprobar por unanimidade este Plan de Igualdade, un documento realizado con achegas de diferentes axentes sociais e persoal técnico e que ofrece ferramentas para continuar traballando dende a administración local para acadar a igualdade real entre homes e mulleres na sociedade”.
No apartado de mocións aprobáronse dúas, unha presentada polo PP solicitando a conxelación das peaxes das autoestradas estatais AP-9 e AP-53 que saíu adiante por unanimidade. E a segunda, presentada polo BNG para a dotación de fondos propios da Xunta en relación coas axudas á produción ecolóxica que cumpran co requisito da convocatoria para a campaña do 2022 e para o período 2023-2027 dentro do apartado de desenvolvemento rural da PAC, que saíu adiante co respaldo dos edís do goberno local.